Monseñor Barrio recorda que a catequese debe ser unha verdadeira escola integral

  • O arcebispo clausura as XXI Xornadas de Teoloxía do ITC baixo o título “Novos camiños para a fe no século XXI: aos 50 anos do RICA
O arcebispo de Santiago clausurou hoxe as XXI Xornadas de Teoloxía organizadas polo Instituto Teolóxico Compostelán (ITC) co título Novos camiños para a fe no século XXI: aos 50 anos do RICA (Ritual da Iniciación Cristiá de Adultos), rememorando o 50 aniversario do Ordo initiationis christianae adultorum, promulgado o 6 de xaneiro de 1972.
Monseñor Barrio sinalou que “nestas Xornadas quedou claro que a iniciación cristiá ten unha dinámica catequética. Unha comunidade que abraza a iniciación cristiá renovará a súa vida comunitaria e animará o seu carácter misioneiro”.
En seis conferencias, catro comunicacións e oito seminarios temáticos abordouse e posto ao día a ampla paleta de aspectos relativos ao problema da relación entre fe e mundo, é dicir, da transmisión da fe no mundo secular con mención expresa da iniciación cristiá de adultos.
O arcebispo compostelán engadiu tamén que “a catequese non debe contentarse coa preparación para a recepción dos sacramentos ou coa iniciación á vida cristiá, senón que debe ser un camiño acompañado dunha catequese constante”. E engadiu que “a catequese non debe limitarse á mera presentación do ensino da Igrexa, senón que debe ser unha verdadeira escola integral”.

Na xornada de hoxe interviñeron, ademais, o bispo de Solsona, mons. Francisco Simón Conesa, coa conferencia “A unidade da fe, bautismo e pertenza á Igrexa”; unha comunicación a cargo do profesor do ITC Alfonso Novo Cid Fuentes, que abordou “O sentido do exorcismo na práctica catecumenal”; e a última conferencia das Xornadas pronunciouna o Subsecretario adxunto da Congregación da Doutrina da Fe, Armando Matteo: “Converter a Peter Pan. Iniciar aos adultos na sociedade da eterna mocidade”