Monseñor Barrio recorda que a Eucaristía é alimento do pobo peregrino

“Na solemnidade do Corpus Christi a Igrexa celebra o seu misterio máis querido: a Eucaristía, fonte e cima de toda vida cristiá”. Así se expresa monseñor Julián Barrio nunha Carta Pastoral no Día do Corpus Christi, que se celebrará o domingo día 19 de xuño. A Igrexa en España fai coincidir con esta solemnidade o Día da Caridade, baixo o lema «Somos o que damos. Somos amor» para celebrar que o amor é o único que dá sentido á nosa existencia humana.

Na súa Carta Pastoral, monseñor Barrio sinala, ademais, que a a Eucaristía é alimento do pobo peregrino: “Os signos elixidos polo Señor, o pan e o viño, denotan o carácter da Eucaristía estreitamente vinculado á nosa vida espiritual como o é a comida e bebida materiais para o noso corpo”.  E engade que “a Eucaristía é invitación a todos os que están cansos e angustiados ou teñen fame e sede de salvación, en calquera necesidade de bens básicos para vivir, de saúde e de consolo, de xustiza e de liberdade, de fortaleza e de esperanza, de misericordia e de perdón2.

O arcebispo indica tamén que “participar na Eucaristía esixe unhas actitudes e comportamentos persoais e comunitarios como o servizo aos pobres e o testemuño da caridade fraterna, a promoción e a defensa da vida humana, o coidado dos enfermos e dos anciáns, a acollida dos marxinados e dos inmigrantes, a proximidade cara ás vítimas da violencia, o rexeitamento de toda forma de malos tratos contra as persoas e de atentados contra os bens de uso social, o respecto dos dereitos humanos, a creación de emprego, a promoción dunha vivenda digna, o traballo pola xustiza e a procura da paz”.

Celebracións na solemnidade do Corpus Christi

O arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio, presidirá este próximo domingo, as celebracións do Corpus Christi, na Coruña e en Compostela, mentres que o seu bispo auxiliar, monseñor Francisco Prieto, farao na cidade de Pontevedra.

As celebracións desta solemnidade darán comezo en Santiago na véspera do Corpus, cunha Hora Santa que terá lugar na Catedral a partir das 20:30 hs do sábado día 18. O domingo, a Eucaristía que presidirá D. Julián Barrio comezará ás 19:30 horas tamén na Catedral compostelá, a cuxo termo se realizará a tradicional procesión de Corpus Christi polas rúas e prazas da zona vella.

Na Coruña, a Eucaristía celebrarase ás 11:30 na Igrexa de San Jorge e tamén estará presidida polo arcebispo compostelán. Sempre pendentes do tempo meteorolóxico, a continuación, desenvolveríase a tradicional procesión co Santísimo e posterior bendición.

Na cidade de Pontevedra será o bispo auxiliar, monseñor Francisco Prieto, quen presida a liturxia desta celebración. A Misa Solemne terá lugar ás 11:00 horas na igrexa parroquial de San Bartolomé. Ao seu termo sairá a Procesión co Santísimo percorrendo as rúas pontevedresas.