Monseñor Barrio recorda que “temos que construír a historia verdadeiramente humana a través da solidariedade e a fraternidade”

Na súa Carta Pastoral con motivo da Campaña de Mans Unidas contra a fame, o arcebispo de Santiago de Compostela lembra que “temos que construír a historia verdadeiramente humana a través da solidariedade e a fraternidade”. E engade que “o mes de febreiro lémbranos a través de Mans Unidas que son moitas as persoas que incomprensiblemente pasan fame no noso mundo”.
A campaña de Mans Unidas, unha ONG da Igrexa católica centra o seu traballo en denunciar as consecuencias que a pandemia do coronavirus está a ter entre as persoas máis vulnerables do planeta, pero non só en canto a saúde se refire, senón en algo máis grave: o aumento da desigualdade e do número de persoas que pasan fame no mundo. Por este motivo, a tarefa que Mans Unidas expón para a Campaña de 2022, co lema “A nosa indiferenza os condena ao esquecemento”, é evitar que o muro da indiferenza e a desigualdade condenen ao esquecemento a máis de mil millóns de persoas empobrecidas e famentas.
A iso fai referencia na súa carta o mons. Julián Barrio: “Temos de mirar atentamente a realidade que nos toca vivir, superando a indiferenza que sempre a desdebuxa e a coloca no faiado do vello. A nosa preocupación pastoral debe ser transformala con creatividade, escoitando, vendo e actuando”.
Neste senso, o arcebispo indica que “non estamos chamados a servir ideoloxías senón a persoas. Nada que afecte aos demais nos pode ser alleo. Ante os dramas das persoas e das súas miserias, a resposta é vivir a fraternidade, a solidariedade e a amizade cos máis desfavorecidos. Está prohibida a indiferenza”.
Finalmente, mons. Barrio convida a todos os diocesanos a ser portadores de esperanzas: “No medio de tantas precaucións para evitar os contaxios da pandemia do coronavirus, a campaña de Mans Unidas pídenos contaxiar a solidariedade para acabar coa fame. Isto conleva a renuncia persoal para favorecer o ben colectivo”. Carta Pastoral na Campaña de “Mans Unidas”