Monseñor Barrio reunirase co Papa Francisco o próximo día 14 de xuño

  • Na audiencia privada o Pontífice tamén recibirá o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo

O Papa Francisco recibirá en audiencia o arcebispo de Santiago de Compostela, monseñor Julián Barrio, o vindeiro luns día 14 de xuño. No encontro, monseñor Julián Barrio informará o Pontífice sobre o desenvolvemento do Ano Santo Compostelán, así como sobre a programación pastoral que a Arquidiocese leva a cabo con motivo do ano xubilar. Na mesma audiencia privada, o Pontífice recibirá tamén no Vaticano o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

Na reunión que manterá co papa Francisco, o arcebispo agradecerá persoalmente ao Sumo Pontífice a súa decisión de prolongar a duración do Ano Santo Compostelán ata finais de 2022. Como se lembrará, ao termo da cerimonia litúrxica de apertura da Porta Santa, o pasado día 31 de decembro, o Nuncio da súa Santidade, Bernardito Auza, anunciou a decisión do Papa Francisco, a través da Penitenciaría Apostólica, de prorrogar o Ano Santo Compostelán, recentemente inaugurado, durante o ano 2022.

A decisión adoptouse debido ás extraordinarias circunstancias provocadas pola pandemia do Covid19 e para que os fieis “saquen piadosos propósitos e forza espiritual de vida para testemuñar o Evanxeo, en comuñón xerárquica e filial devoción co Sumo Pontífice, fundamento visible da Igrexa católica e mestre propio dos sacros misterios”, tal e como se sinalaba no Decreto da Penitenciaría Apostólica.