Monseñor Barrio reuníuse este martes en Madrid coa filla de Manuel Ferrol, o fotógrafo da emigración

O arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio, reuníuse en Madrid con Patricia Ferrol, filla do fotógrafo Manuel Ferrol, quen a pasada semana entregou ao Papa Francisco a fotografía de “O pai e o fillo” da reportaxe “Emigración” de Manuel Ferrol. O encontro co arcebispo realizouse na sé madrileña da Conferencia Episcopal Española (CEE), aproveitando que D. Julián asiste aos traballos da Asemblea Plenaria dos bispos. Patricia Ferrol entregou unha copia desta foto a monseñor Barrio. Como se sabe, trátase dunha fotografía de 1957 que se converteu nunha icona a nivel mundial que chega ata os nosos días, e que mostra o sentimento máis universal da emigración.

«O pai e o fillo» da reportaxe «Emigración» é unha foto tomada no Porto da Coruña no ano 1957 con motivo da saída de migrantes con destino a Bos Aires, no buque Juan de Garay. Corresponde á última fase da emigración española a América, de forte carácter familiar. Calcúlase que entre 1946 e 1964 saíron cara a América 81.213 familias, constituídas por un total de 232.788 persoas.

Patricia Ferrol quixo aproveitar a reunión con monseñor Julián Barrio para agradecerlle as súas xestións para que fose posible que o Papa Francisco recibise a pasada semana no Vaticano a fotografía de seu pai, Manuel Ferrol.

Historia dunha fotografía

A súa famosa fotografía da reportaxe “Emigración”, a coñecida como fotografa de “O pai e o fillo”, realizouna no Porto da Coruña o 27 de novembro de 1957. O autor contaba que “ese día en lugar de levar a cámara de reportero de sempre (tipo Leica) que tiña que levantala á altura do ollo e a xente podíase espantar, utilicei unha Rolleiflex porque se miraba por arriba e vese en ángulo recto coa cámara escondida”. Foi un acerto porque “desta forma, a xente non se espantaba do fotógrafo e así puiden coller todo o dramatismo e todo o que alí aconteceu, que foi moito”. No seu autorretrato recorda a foto da confesión porque “un di que vai confesar cando vai para outro mundo e, de feito, esta xente íase para outro mundo”. Outra das fotos mostra a unha muller bostezando que “dá a idea de que esas xentes viñan o día anterior e estaban sen durmir moito tempo. Estaban coa emoción, coa tristeza e coa espera interminable de preparar o papeleo para marchar”.

Segundo a filla de Manuel Ferrol, esa reportaxe é o “froito das sensacións que viviu”  seu pai mentres documentaba a emigración por encargo dun sacerdote da Comisión Católica de Emigración. Manuel Ferrol faleceu o 27 de febreiro de 2003. Seguía preferindo chamarse “reporteiro” antes que “artista”.