Monseñor Barrio sensibiliza sobre a “situación alarmante e que cada vez afecta a máis persoas que se ven abocadas ao senfogarismo”

  • Este domingo día 31 de outubro Cáritas volve realizar a súa campaña “Ninguén sen Fogar”
  • Nunha Carta Pastoral con motivo da Campaña “Ninguén sen Fogar”, que está prevista para este próximo domingo, o arcebispo monseñor Julián Barrio sensibiliza aos diocesanos ante o que considera unha “situación alarmante e que cada vez afecta a máis persoas que se ven abocadas ao senfogarismo, que viven na rúa ou en situacións lamentables, así como tamén as que se ven afectadas polos desafiuzamentos”. O arcebispo compostelán manifesta que “todos debemos reivindicar os seus dereitos e contribuír coas nosas achegas e axudas a transformar esa realidade”. Esa é a finalidade da campaña que anualmente dedica Cáritas a estas persoas que viven na rúa. Nesta ocasión, faino coa seguinte mensaxe xeral: “Sen Saída? Perdidos nun sistema de protección social que non protexe”.
  • O arzobispo recorda que a iniciativa de Cáritas “preséntanos a unha persoa que vai entrar nun labirinto, constatando que este tipo de persoas están perdidas nun Sistema de Protección Social que non protexe”.
  • “A Campaña”, di monseñor Barrio na súa carta, “persegue concienciarnos das reivindicacións que as persoas sen fogar que precisan do noso apoio, de forma particular, e en xeral das institucións e administracións que teñen competencias para solucionar este grave problema que mantén a diario a miles de persoas durmindo na rúa ou en lugares insalubres”. O arzobispo alude, tamén, á situación creada pola pandemia do Covid 19, “que ha ter un gran impacto nas nosas vidas e que é moito maior nas vidas das persoas máis vulnerables e excluídas da sociedade, como ocorre nas persoas sen fogar”, un grupo social que, ademais, “ve dificultado o seu acceso aos mecanismos de protección social, que resultan insuficientes e pouco adaptados á súa realidade”.
  • Cáritas indica que as persoas que dormen na rúa ou en lugares insalubres adoitan ser varóns en idades comprendidas entre os 45 e 60 anos, grupo que é o que máis acode, con moita diferenza, aos centros nos que Cáritas lles presta atención. Os datos de que dispón Cáritas a nivel da diocese de Santiago sinalan que da orde dunhas 2.000 persoas son atendidas en relación a temas de sen fogar ou con fogares moi deficientes. Unha cantidade que se pode chegar a dobrar a nivel de Galicia.

Carta Pastoral no Día das persoas sen fogar. Outubro 2021