Monseñor Julián Barrio: “Hoxe é un día de dons e grazas, de obrigacións e compromisos”

. O arzobispo preside as ordenacións diaconais de José Antonio Conde Silvoso, Kouassi Anani Martín Kouman e Mario Agustín Pérez Moya.
. Na súa homilía pediu aos tres novos diáconos que infundisen “bondade á xente”.

O arzobispo de Santiago presidiu este venres na Catedral, a Eucaristía na que foron ordenados diáconos os seminaristas José Antonio Conde Silvoso, Kouassi Anani Martín Kouman e Mario Agustín Pérez Moya. Na súa homilía, monseñor Julián Barrio dixo aos novos diáconos que “hoxe é un día para vós de dons e de grazas, de obrigacións e de compromisos”.

O arzobispo exhortou os candidatos a que “non saia da vosa boca ningunha palabra ociosa” e a infundir “a bondade á xente”. Tamén lles dixo: “Benqueridos ordenandos, ides estar no medio do mundo como signo anticipador, provocador e realizador da comuñón sen buscar a afirmación persoal ou a valoración do ministerio noutras tarefas desconectadas do propio ministerio. Poñede a vosa confianza na forza de Deus e camiñade non seu nome”.

Unha vez acabada a homilía os candidatos ao diaconado manifestaron o seu desexo de ser ordenados e a vontade de vivir o seu ministerio con humildade e a alma limpa para proclamar a fe segundo o Evanxeo e a Tradición da Igrexa. A continuación, os tres prometeron celibato, oración e obediencia.

Tralo rezo das Ladaíñas, o arzobispo a través da imposición de mans e a pregaria de ordenación conferiu aos candidatos o don do Espírito Santo para o seu ministerio diaconal. Tras iso, os elixidos revestíronse coa estola cruzada e a dalmática. Para finalizar o rito de ordenación, o arzobispo fíxolles entrega dos Evanxeos e abrazou a cada un deles. Na cerimonia tamén estivo presente o bispo auxiliar, mons. Francisco José Prieto.