Monseñor Julián Barrio presidiu a Eucaristía coa que as Fillas de Santa María do Corazón de Xesús se fan cargo da Casa Diocesana de Exercicios

. O arzobispo compostelán agradece ás relixiosas “avosa xenerosidade e dispoñibilidade”

O arzobispo de Santiago, monseñor Julián Barrio, presidiu este venres na Casa Diocesana de Exercicios a Eucaristía coa que formalmente daban comezo os traballos da nova comunidade, Fillas de Santa María do Corazón de Xesús, nesta institución diocesana. Na súa homilía, monseñor Barrio indicou ás seis relixiosas que se farán cargo da xestión da Casa Diocesana de Exercicios, e ás demais irmás que estaban presentes, que “celebrar a Eucaristía é un bo xeito de empezar”. O arzobispo instounas a ir descubrindo “como podemos axudar os demais”, á vez que recordou que “debemos acompañar” e tamén “sentirnos acompañados” sen “ferir nunca o corazón de ninguén, aínda que nos sintamos feridos”. “Ese”, dixo monseñor Barrio, “é o camiño da santidade”. “O importante é chegar á meta, sabendo a onde se vai, como os peregrinos”, asegurou.

Na súa homilía, o arzobispo comentou que todo iso formaba parte do “fermoso carisma” que a fundadora das Fillas de Santa María do Corazón de Xesús, Madre María de Xesús Velarde, desexara para este Instituto, poñendo a Cristo no centro da vida da comunidade. “El é a clave do noso camiño vocacional”, explicou D. Julián.

Monseñor Barrio engadiu ademais que era necesaria unha actitude de conversión, “para conformar a nosa vida á de Xesús” e agradeceu á comunidade de relixiosas “a vosa xenerosidade e dispoñibilidade”. “Non teñades medo, a tarefa non é fácil pero o Señor vainos acompañar”, expresando o seu convencimiento de que “a vosa fundadora botaranos unha man”.

A comunidade da Casa de Exercicios estará dirixida pola Madre Eugenia María. Na Eucaristía estaba presente a superiora xeral, Madre María Marta.

As Fillas de Santa María do Corazón de Xesús son un Instituto relixioso de dereito Pontificio nacido o 8 de setembro de 1998, que procede doutra Congregación Relixiosa: Fillas da nosa Señora do Sagrado Corazón, de Issoudun.

Tanto as súas Constitucións como o Directorio, ínstanlles a unha íntima unión co Corazón Eucarístico de Cristo. Toda a súa vida debe estar centrada na Eucaristía para ofrecer reparación, ante un mundo pecador que fere a Deus rexeitando o seu Amor.

A súa Fundadora, Madre María de Xesús Velarde, é o instrumento elixido por Deus para levar ao Instituto polo camiño de santidade que a Igrexa ratificou o 25 de decembro do mesmo ano, data en que aprobou as Constitucións.

A actual Superiora Xeral do Instituto é a Rvda. Madre María Marta Simón. Elixida no Cuarto Capítulo Xeral o día 30 de novembro de 2017.

O seu lema: “Amado sexa en todas partes o Sagrado Corazón de Xesús” reflicte o seu desexo de levar o amor de Cristo a todo o mundo como contemplativas e misioneiras do Amor Trinitario de Deus, revelado en Cristo.

Máis información:

http://www.hsmcj.org/apostolado.html