Monseñor Julián Barrio resalta o papel das comunidades de vida contemplativa

Nunha Carta Pastoral dirixida aos membros da vida contemplativa con motivo da Xornada Prol Orantibus que a Iglesia celebra este domingo 12 de xuño, o arcebispo de Santiago de Compostela valora e resalta o papel destas comunidades que viven nos conventos de clausura. O lema elixido, “Lámpadas acesas no camiño da santidade”, destaca os piares básicos da vida contemplativa -a escoita, a conversión, a comuñón- aqueles que o deixaron todo para contemplar o Señor convértense en testemuñas da Luz e poden ofrecer ao Pobo de Deus a súa misteriosa fecundidade en clave de crecemento sinodal.

Mons. Julián Barrio lembra no seu texto que “se a fe nos toma da man e guía ao corazón de Deus, alí permítellenos contemplar o que Deus é en si mesmo, e tamén o que nós somos en Deus”. Por iso, engade, “necesitamos achegarnos ao misterio do noso ser, ao que somos en Cristo Jesús, ao que somos en Deus, no seo da Trindade Santa. Pola natureza da súa vocación, relixiosas e relixiosos contemplativos fixéronse peregrinos permanentes nese camiño polo que a fe os leva a sondar o misterio de Deus e os achega, ao mesmo tempo, ao misterio do home”.

Nesta Xornada dedicada aos contemplativos, ademais de acompañalos coa forza da oración, o arcebispo desexa que “se coñeza mellor e se teña na debida estima a súa peculiar misión na Igrexa e no mundo. Eles están sempre á escoita, promoven a conversión e animan o espírito de comuñón, sendo lámpadas no camiño sinodal que a Igrexa está a percorrer”.

O prelado compostelán indica que “non parece que sexan poucos os que hoxe consideran a vida dos consagrados un absurdo, e a dos contemplativos unha tolemia, unha non vida. E o é, sen dúbida, se ese xuízo se emite desde un mundo no que só ten sentido o que é susceptible de ser analizado, utilizado e refugado á marxe do transcendente”. E continúa dicindo que “os crentes soñamos un mundo novo no que se viva a fraternidade, un mundo que é todo do home porque é todo de Deus. Os crentes necesitamos penetrarnos pola regandixa luminosa do misterio”.

Termina mons. Barrio agradecendo aos membros de Vida Contemplativa que “desde o silencio contemplativo prestades á comunidade eclesial o necesario servizo de vixías na noite, sentinelas do misterio, profetas dun mundo novo. Grazas pola vosa achega á sociedade enteira, como memoria que sodes da dignidade humana, da grandeza divina, do amor que nos envolve, da dita que nos espera. Convosco está sempre o Señor que vos chamou. Convosco estamos cuantos na Igrexa nos recoñecemos bendicidos de Deus coas vosas vidas. Convosco están xa, aínda que non o saiban aínda, cuantos un día descubran o misterio do que lles dades testemuño”.