Monseñor Prieto preside a celebración de San Martiño no Seminario Maior: "Unha vida que non se parte e non se comparte, é unha vida que se fai inútil"

  • A Eucaristía celebrouse na Capela do Seminario Maior e contou coa presencia di Vigairo Xeral, do Vigairo de Pastoral, do reitor, formadores e seminaristas.

O Seminario Maior de Santiago de Compostela celebra estes días, a festividade de San Martín de Tours, patrón da institución formativa e educativa. Co rezo das Primeiras Vésperas Solemnes de San Martiño na Capela do Seminario Maior, onte xoves a partir das 20:00 horas, deron comezo as celebracións litúrxicas en honra do patrón do Seminario.

Hoxe venres, a partir das 13:00 horas, o arcebispo de Santiago, monseñor Francisco Prieto, presidiu a Solemne Eucaristía na Capela do Seminario Maior. Na homilía, destacou que a imaxe daquel soldado que parte a metade da capa que lle correspondía, porque a outra metade pertencía ao exército de Roma: “é un xesto significativo, e que quizais unha vez máis nos lembra en por si que somos cada un de nós unha vida que non se parte e non se comparte, é unha vida que se fai inútil”. E engadiu: “a vida que non se dá e que non se entrega, é unha vida que adoita acabar encerrada comodamente, xustificada e escusada, seguramente nos pode pasar a todos”.

D. Francisco afirmou que “o Señor pon en nós a súa forza e a súa graza aínda que o tesouro, (…) sabemos que o levamos en vasillas de barro. Pero non esquezamos que esa opción que o Señor pon en cada un de nós, é para que a nosa vida sexa un saír ao camiño”.

Mons. Prieto afirmou tamén, parafraseando a Zubiri, que “cando atentamos contra a verdade, cando matamos a verdade, atentamos e matamos o home (…). Sexamos ministros desa verdade que salva, sexamos servidores desa verdade na que somos unxidos para ser testemuñas dunha palabra, esta si definitiva. Sirvamos á verdade sen medo”. E continuou dicindo que “a vida de calquera, de cada un de nós, en calquera dos ámbitos en que exercemos as nosas responsabilidades na sociedade, na familia, entre amigos e compañeiros cos próximos e os ocasionais, aí prestamos o que somos o que somos cada un de nós, unxidos para ser testemuñas da boa nova”.

Terminou a súa homilía coas palabras de Bieito XVI cando falaba de San Martiño de Tours: “o xesto de partir a capa co esmoleiro, era unha expresión de Jesús mesmo, que multiplicando os pans, multiplicou precisamente a vida que tiña que ser compartida, anticipo da mesa da Eucaristía, onde agora poñeremos encima dela as ofrendas de pan e viño, que serán Corpo partido e Sangue derramado. Velaí onde alimentamos e temos que nutrir a nosa vida”.

A festividade de San Martiño de Tours reuniu a toda a comunidade de seminaristas do Seminario Maior, con Carlos Álvarez, o reitor, á cabeza; así como a boa parte dos integrantes das comunidades educativas diocesanas, tanto o Instituto Teolóxico Compostelán (ITC) como o Instituto Superior Compostelán de Ciencias Relixiosas (ISCCR), así como autoridades civís e militares. Acompañaban a monseñor Prieto, o Vigairo Xeral, José Andrés Fernández Farto e o Vigairo de Pastoral, Francisco Javier Porro, o Vigairo Territorial de Santiago, Juan González-Redondo Neira, o Deán da Catedral, José Fernández Lago, entre outros sacerdotes.