Na súa conferencia do Congreso de ACC, o Nuncio, monseñor Bernardito Auza, invitou a afondar na “Nova Evanxelización”

. Asegurou que os bispos españois no seu documento Fieis ao envío misioneiro sinalan respostas aos desafíos pastorais, que “son propostas no marco da Nova Evanxelización”.
. “A primeira resposta ao gran desafío do noso tempo é, polo tanto, a profunda conversión do noso corazón”, indica o Nuncio.

Na súa conferencia sobre Retos Pastorais da Igrexa en España, pronunciada polo Nuncio da súa Santidade na última xornada do IX Congreso de Acollida Cristiá nos Camiños de Santiago, monseñor Bernardito Auza invitou a todos os que participaron neste encontro a recuperar o impulso evanxelizador tras a pandemia da Covid, na liña da “nova evanxelización”, que nace no Concilio Vaticano II e se expresa no maxisterio de san Paulo VI, san Xoán Paulo II, o papa emérito Bieito XVI e o papa Francisco. É toda a Igrexa, dixo Auza, a que está “chamada sempre con maior urxencia, en particular nas Igrexas locais da “antiga evanxelización”, como é Europa, e España en particular”, a proclamar o Evanxeo, pois “a Igrexa desexa continuar, baixo a guía do Espírito, a obra mesma de Cristo, quen veu ao mundo para dar testemuño da verdade, para salvar e non para xulgar, para servir e non para ser servido”.

O Nuncio da súa Santidade comentou, tamén, que “case 56 anos da clausura do Concilio e da publicación do Decreto Ad xentes, sobre a actividade misioneira; a case 46 anos da Exhortación apostólica Evangelii nuntiandi, do Papa Paulo VI, en relación coa evanxelización no mundo contemporáneo; e a case 31 anos da Carta Encíclica Redemptoris Missio, do Papa Xoán Paulo II, sobre a permanente validez do mandato misionario, a Igrexa hoxe recórdanos con insistencia do compromiso misioneiro, seguindo o auténtico ensino do Maxisterio”. Neste senso, monseñor Auza aludiu á Exhortación Apostólica Evangelii Gaudium, na que o papa Francisco “recolle as reflexións da XIII Asemblea Xeral do Sínodo dos Bispos sobre A Nova Evanxelización para a transmisión da fe”.

O Nuncio aludiu, ademais, á crise de transmisión da fe que se observa “dunha xeración á outra”. “Trátase”, sinalou, “dunha experiencia de cada familia, de cada parroquia, de cada sociedade, de cada país. Esta aquí a gran tarefa e o gran desafío, porque, aos fillos e aos netos, a fe e os valores dos pais e dos avós xa parecen inaceptables ou, polo menos, opcionais; porque o mundo e o home de hoxe parece perder o sentido das realidades últimas e da mesma existencia, que son os bloques fundamentais dos valores relixiosos e éticos dos nosos pais”.

Monseñor Bernardito Auza indicou que o reto da nova evanxelización pasa, como di o Santo Padre Francisco por conectar “a alegría de recibir a mensaxe do Evanxeo e o anuncio misioneiro, vinculo patente desde os inicios do cristianismo. Esta alegría brota dun corazón agradecido polos dons recibidos e pola serenidade de saber que é Cristo quen leva adiante a barca da Igrexa, continuando nas nosas mans a súa obra de salvación”.

Deste xeito, afirmou o Nuncio, “nova evanxelización significa atopar unha resposta axeitada aos signos dos tempos, que nos indican as necesidades espirituais dos crentes individuais e das comunidades de fe de hoxe en día. Significa atopar novos xeitos de proclamar o mesmo Evanxeo co fin de responder ás situacións presentes que as novas formas de pensamento e de comportamento crean, tanto na Igrexa como na sociedade. Consecuentemente, nova evanxelización significa fomentar unha cultura profundamente enraizada no Evanxeo nun novo marco, nunha nova cultura, en novas situacións humanas”.

O Nuncio asegurou que “a xente e as súas circunstancias, entre as cales a Igrexa está presente, cambiaron, ás veces de xeito radical, e así todo un novo conxunto de situacións apareceron nos nosos días. Consideremos os cambios culturais, económicos e científicos que experimentamos nas últimas décadas. A Igrexa non se pode permitir quedar de brazos cruzados se ten que proclamar o mesmo Evanxeo ás xentes de hoxe que teñen contextos culturais e sociais moi diferentes que antes. Nós, os discípulos de Cristo hoxe, non podemos ser sinxelos espectadores se queremos vivir e proclamar o Evanxeo nestes novos contextos. Debemos comprometernos. E o noso compromiso toma o nome de “nova evanxelización?.

Propoñer sempre o Evanxeo

Para monseñor Bernardito Auza, “a nova evanxelización ten como obxectivo “volver propoñer” o mesmo Evanxeo a todos aqueles que sufriron unha crise de fe, en particular a aqueles que perderon a súa fe en lugares onde as raíces do cristianismo son profundas, pero que padeceron unha seria crise de fe debido á secularización”, un fenómeno que se dá en todo o mundo e ao que, precisamente, intentan os bispos españois dar resposta desde o seu recente documento “Fieis ao envío misioneiro”.

En efecto, o Nuncio resaltou que “o título que, desde a organización deste IX Congreso foime asignado e que aceptei, – Retos pastorais da Igrexa en España – atopa resposta autorizada, e obrigada, no xa mencionado Plan Pastoral que, co título “Fieis ao envío misioneiro”, aprobaba a Asemblea Plenaria da Conferencia Episcopal Española, o pasado mes de abril. Os Sres. Bispos, realizaron un diagnóstico sobre a cultura actual e sinalaron e programaron as prioridades da súa acción pastoral para o período 2021-2025, en perfecta sintonía coas orientacións do Santo Padre, o Papa Francisco, cuxo maxisterio se incorpora ao documento total e integramente”.

Monseñor Auza recordou que “na súa análise da sociedade española, os Bispos detectan algúns dos retos principais da Igrexa en España”, entre eles o de “a desconfianza inherente a unha sociedade liquida e desvinculada”, o de o “desafío cultural” e o da “perda da saúde espiritual e do sentido da vida”.

Para superar eses retos pastorais da Igrexa en España, dixo o Nuncio, “os Bispos identifican as prioridades pastorais, capaces de dar resposta aos retos pastorais. Estas prioridades están movidas pola atenta escoita e estudo da orientación e ensino do Santo Padre o Papa Francisco recolléndoas e aplicándoas no trazado plan pastoral coas características dunha Igrexa en saída e en sinodalidade. En suma, son propostas no marco da Nova Evanxelización. Agora ben, a primeira prioridade pasa polo noso corazón, como din os señores bispos. “A primeira resposta ao gran desafío do noso tempo é, polo tanto, a profunda conversión do noso corazón”.

“A nova evanxelización é sobre todo anunciar o Señor no testemuño da alegría de telo coñecido, porque Deus non é a resposta a unha curiosidade intelectual ou un compromiso, senón unha experiencia de amor. E este amor de Deus non varía segundo como nos comportemos: é amor incondicional”, remarcou monseñor Auza.