Nace a Cátedra de Estudos Europeos Camiño de Santiago

A Fundación Paulo VI e o Arcebispado de Santiago de Compostela asinaron un convenio para a creación da primeira Cátedra de Estudos Europeos do Camiño de Santiago. Unha cátedra que ten por obxectivo promover accións comúns, no ámbito formativo e de xeración de pensamento, para poñer en valor o papel decisivo que o Camiño de Santiago tivo na vertebración de Europa e o que segue tendo hoxe como promotor da cultura do encontro.
Así o explicou o arcebispo de Santiago de Compostela, Mons. Francisco José Prieto Fernández, durante a firma. “Dicir Camiño de Santiago é descubrir as raíces do que somos para que tamén teñamos moi claro cales son os camiños que temos que percorrer. O Camiño de Santiago lémbralle a Europa quen é e de onde vén e o que ten que seguir significando neste momento, non como unha añoranza do que foi ou buscando espazos de poder, senón como quen ten un tempo novo entre as mans, unha nova sociedade multipolar, no que hai que seguir edificando”. Neste sentido, engadiu, “este Camiño segue sendo un horizonte de esperanza e de sentido, tanto para o crente como para o non crente”.
Estudar isto no ámbito dunha cátedra supón convocar a distintas personalidades para falar “non só da materialización do Camiño, senón tamén dos distintos retos que temos en Europa, sempre en conexión cos valores e cunha mirada de esperanza”, apuntou, pola súa banda, o director xeral da Fundación Paulo VI, Jesús Avezuela. A Cátedra, que nace no marco da Facultade de Ciencias Políticas e Socioloxía da Fundación Paulo VI, estará liderada por Marta Pedrajas, filósofa e economista e consultora no Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación. “Nunha Europa ferida é moi necesario reconstruír desde os valores e os principios que nos unen, que non son só os políticos, os económicos e os culturais senón aquilo que o Papa Xoán Paulo II pediu ante a tumba do Apóstolo en 1982, cando pedía a Europa volver ás súas raíces”.
Pero, ao mesmo tempo, engade Pedrajas, “son necesarios liderados que ilusionen, como di o papa Francisco en Fratelli Tutti, e unha boa gobernanza”. Algo que só se pode facer “desde a intelectualidade e o pensamento, buscando espazos de calma e estudo, fronte ao ruído que vivimos”.

Sobre a Fundación Paulo VI

A Fundación Paulo VI é unha institución cultural de estudos superiores erixida no ano 1968 polo Cardeal Herrera Oria para o estudo e a promoción da Doutrina Social da Igrexa. Desde os seus inicios xestiona obras de diversa índole no ámbito académico, residencial e sociocultural, que combina coa xeración de ideas e espazos de pensamento, a través de foros, congresos e seminarios. Todo sen perder de vista o seu espírito fundacional: a promoción dun liderado máis humano sobre a base da Doutrina Social de la Igrexa, o encontro coa ciencia e a cultura, e unha fe en permanente diálogo co mundo.
No curso 2023-24 a Fundación Paulo VI recuperará a actividade da histórica Facultade de Ciencias Políticas e Socioloxía co obxectivo de promover a formación, a análise e os estudos da realidade social, política, cultural española e mundial.