No “Día da Igrexa Diocesana” mons. Prieto chama a vivir “Orgullosos da nosa Fe” para “ser testemuñas da paternidade de Deus e da fraternidade de Cristo”

  • Celébrase este domingo día 12 coa difusión do cuaderniño ‘ A nosa Igrexa’, publicación diocesana que reflicte a actividade celebrativa, pastoral, educativa, misioneira, caritativa e asistencia.
A Arquidiocese de Santiago de Compostela celebra este próximo domingo día 12 de novembro o “Día da Igrexa Diocesana” co lema ‘Orgullosos da nosa fe’ e co obxectivo de concienciar sobre a importancia da identidade e o orgullo de poder vivir a fe nunha Igrexa particular, neste caso a Igrexa de Santiago de Compostela.
Neste senso, o Arcebispo, mons. Francisco Prieto, indica que “Somos pobo de Deus, Igrexa en saída, que non pretende mostrarse irresistible e provocativa, senón humilde e testemuñal, pero nunca acomplexada”. E engade que “este é o noso tempo, un tempo de graza no que Deus segue facendo a súa obra en nós e a través de nós, Igrexa en camiño”.
O prelado compostelán anima os diocesanos a estar presentes na sociedade sen temer ao diverso e ao distinto, senón unicamente aos prexuízos que arman o laicismo excluínte ou ao crente maniqueo. Temos que ser fermento neste mundo plural, pero con gozo”.
Mons. Prieto indica que a achega dos crentes, e da Igrexa no seu conxunto, á praza pública ten que ser profética e ten que responder as necesidades e ás inquietudes do presente: “Unha dimensión profética realizada con verdade, con linguaxe atractiva e mirada amable, cunha intelixencia suficiente que saiba distinguir o importante do secundario”.
Finalmente, o Arcebispo afirma que “como Igrexa diocesana temos aquí unha responsabilidade única no medio da sociedade: ser testemuñas da paternidade de Deus e da fraternidade de Cristo (…). Cada xesto, cada presenza, cada acción falan da xenerosidade e entrega de todos os que, desde a súa vocación bautismal, viven como don e tarefa o ser discípulos misioneiros na nosa diocese: de todas as idades e de todos os carismas, de todas as comunidades e parroquias, de todos os ministerios e servizos brotaron accións pastorais, evanxelizadoras, celebrativas, asistenciais, educativas e culturais”.

Datos xerais da Arquidiocese

Datos xerais da Arquidiocese Nesta xornada dominical distribuirase por todas as parroquias da publicación ‘A nosa Igrexa’, con información da Campaña de Comunicación para o Sostemento Económica da Igrexa e datos sobre a situación económica da Arquidiocese, ademais de información sobre a “Memoria de actividades da Igrexa de Santiago”. Así os detalles son: sobre a actividade celebrativa (5.290 Bautizos, 3.270 confirmacións, 6.318 Primeiras comuñóns e 787 Matrimonios), actividade pastoral (446 sacerdotes, 1.500 catequistas, 607 relixiosas e relixiosos, 6 diáconos permanentes, 1.071 parroquias, 148 monxas e monxes de clausura e 14 mosteiros), actividade educativa (128 centros católicos concertados), 26.420 estudantes en centros concertados, 554 traballadores en centros, 2.019 docentes nestes centros),  actividade misioneira (92 misioneiros), actividade cultural (37 bens inmobles de interese cultural, 10 proxectos de construción e rehabilitación, 26 festas relixiosas de interese turístico) e caritativa e asistencial (283 centros para mitigar a pobreza con 25.738 persoas atendidas; 4 centros de rehabilitación para drogodependentes con 1.1172 persoas atendidas; 18 casas para anciáns, enfermos crónicos e persoas con discapacidade con 2.495 persoas atendidas; 4 centros para a defensa da vida e a familia con 1.112 persoas atendidas; 13 centros de asistencia a emigrantes, refuxiados… con 8.847 persoas atendidas; 2 centros para a promoción da muller e para vítimas de violencia con 774 persoas atendidas; 14 centros de menores e mocidade e outros centros para a tutela da infancia con 10.976 persoas atendidas; 13 centros para promover o traballo con 6.012 persoas atendidas; 2.980 voluntarios de Cáritas con 47.323 persoas atendidas; 140 voluntarios de Mans Unidas; e 6 proxectos de cooperación ao desenvolvemento no mundo).

Boletín de suscripción

Neste caderno pequeno informativo existe unha ficha-boletín de subscrición do Programa “X Tantos” na que se ofrece a posibilidade de comprometer unha colaboración periódica, cunha cota familiar ou persoal abonada a través de domiciliación bancaria, para contribuír ao sostemento económico da Igrexa e, de igual forma, difúndense as posibilidades que ofrece a través da Internet o portal www.donoamiiglesia.es, que permite realizar de maneira telemática, desde calquera dispositivo e con total seguridade achegas económicas a calquera parroquia ou á Arquidiocese.

Revista “A nosa Igrexa”