No Día dos Avós. Julio 2021

Neste ano Santo Compostelán e con tantos sentimentos nesta historia do coronavirus lembramos a tantos avós que morreron na pandemia. Son moitos os netos que os levan no seu corazón facendo o camiño de Santiago por eles.

Non ignoramos o importantes que son os avós, “testemuñas do pasado e inspiradores de sabedoría para as novas xeracións”, na formación e na educación dentro da escola familiar onde son mestres da comprensión e do afecto, da fe e da oración, no aconsellar e no consolar. É unha imaxe entrañable atopar aos avós polas nosas rúas acompañando aos netos, xa sexa camiño a casa, á Igrexa ou ao colexio, ou sinxelamente dando un paseo. Unha imaxe chea de serenidade e tenrura, de confianza e esperanza. É o horizonte onde se forxa unha nova convivencia e cultura humana, unindo o pasado e o presente, a experiencia e a curiosidade, a sabedoría e o afán de aprender.

Os avós son o gran crisol do amor da familia. Neste escenario desempeñan un papel importante, e non deben ser considerados como un peso inútil, nin tampouco deben ser contemplados só como “obxecto de atención, proximidade e servizo”. É preciso valorar a súa presenza como transmisores dunha sabedoría que vai máis aló dunha simple cultura. Na historia de todos os pobos e no sentir de todas as xeracións, están aureolados polo prestixio e rodeados de veneración.

Acollerlles e mostrarlles a nosa solidariedade máis aló de todo deber, habémolo de sentir como unha necesidade. É preciso ofrecerlles todo o noso apoio, colaborando á súa calidade de vida. Nos seus ollos cansos pero oteando sempre novos horizontes, atopamos esa faísca de viveza que nos descobre unha existencia profunda e serena. No seu rostro sucado por engúrralas, froito dun longo bregar, descubrimos tristezas e esforzos que van dar á mar dunha alma tranquila e confiada. Nas súas palabras tecidas coa mente e o corazón ofrécesenos o consello tantas veces pensado no ámbito misterioso das súas soidades. Non busquemos neles as flores da primavera, exuberantes e vistosas, senón os froitos sazonados do outono, que se manifestan con lucidez.

Nos avós percibimos a paz e a harmonía que as esnaquiza non a dor senón o desamor. Axudemos aos nosos avós non a lembrar senón a seguir vivindo mentres camiñan cara á plenitude da felicidade. Encomendámolos a San Joaquín e a Santa Ana, avós de Jesús.

Con afecto pastoral e bendición no Señor,

 

+ Julián Barrio Barrio,
Arcebispo de Santiago de Santiago