Novos Estatutos para Cáritas Diocesana de Santiago

  • O arcebispo firmou e presentou a nova normativa reguladora que dispón de 63 artigos e XI capítulos
  •  “A nosa caridade non pode ser sinxelamente paliativa ou asistencial, senón preventiva, curativa e propositiva” (Monseñor Prieto Fernández)
  • Reflicten principios fundamentais: identidade, misión e compromiso coa acción caritativa e pastoral no ámbito diocesano
Na firma, presentación e proclamación dos novos Estatutos de Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela, durante un acto que presidiu o arcebispo de Santiago,  monseñor Francisco José Prieto Fernández, díxose que o  novo marco estatutario  debe ser unha canle que mostre o rostro dunha Igrexa samaritana.
A nova norma reguladora é a expresión dunha acción socio- caritativa innovadora que, tras seguir un camiño de elaboración verdadeiramente sinodal conducen á Cáritas Diocesana a ser unha presenza e unha voz profética que interpela á Igrexa e á sociedade: “A nosa caridade non pode ser sinxelamente paliativa ou asistencial, senón preventiva, curativa  e propositiva. Caridade  é acompañar, abrir portas, ofrecer posibilidades  que permitan vivir con xustiza  e dignidade”, sinala o prelado compostelán.
Marco estatutario
Os Estatutos constan de  63 artigos e XI capítulos, e na súa redacción  buscouse simplificar as actividades, o voluntariado, o traballo das Cáritas e a configuración do fondo dentro da Comunicación Cristiá de Bens. No texto reflíctense principios fundamentais como son  identidade, misión e compromiso coa acción caritativa e pastoral no ámbito diocesano.
Principios e funcións
No texto articulado cando se mencionan os principios da entidade sinálase  que dimanan do Evanxeo, a Boa Noticia de Deus encarnado en Xesucristo, amar o teu próximo como a ti mesmo. Cítanse en  esta apartado  solidariedade, independencia, transparencia e redición de contas, e a sustentabilidade social, económica e  ambiental.
As funcións enmárcanse como accións asistenciais e sociais, de sensibilización, e análise e denuncia  das situacións de inxustiza social.
A parroquia
Destacan a importancia da parroquia como a célula fundamental de acción caritativa na estrutura destes estatutos. Neste sentido, tendo en cuenta a organización territorial da diocese, defínese como unidade organizativa s Cáritas parroquiais que poden abarcar a unha única parroquia, a varias ou a unha Unidade Pastoral completa, integrando así a estrutura funcional de Caritas á da propia organización diocesana.
As Cáritas Interparroquiais quedan configuradas como organizacións funcionais que prestan servizos profesionais de apoio ás Cáritas parroquiais integradas nelas. Neste sentido destaca a vontade de ampliar e flexibilizar o acceso aos servizos especializados e profesionais das Cáritas Interparroquiais as Cáritas parroquiais da contorna xeográfica que desexen integrarse nelas, promovendo unha maior eficacia e eficiencia na acción destes servizos.
Voluntariado
Especial mención vai destinada ao voluntariado, adecuándoo ao marco legal actual e ás consideracións de tempo e grao de participación dos voluntarios á realidade sociolóxica actual, pensando especialmente na participación do voluntariado xuvenil. Na procura dunha maior coherencia organizativa, unificáronse os criterios de funcionamento das Comisións Permanentes e os Consellos, establecendo claridade nos procesos de toma de decisións, nomeamentos e funcionamento dos órganos pertinentes.
A misión caritativa
Na presentación lembrouse que no ano1965 o cardeal arcebispo de Santiago, monseñor  Fernando Quiroga Palacios procedeu a erixir  de forma oficial Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela,  sinalando que a entidade tiña como misión  “servir á acción caritativa e social  da Igrexa, promovendo, coordinando  e instrumentando a  Comunicación Cristiá de Bens entre todas as comunidades  eclesiais”. No ano 1987  monseñor Antonio María Rouco Varela, asinou o decreto de aprobación dos estatutos que no ano 2007 foron renovados por monseñor  Julián Barrio Barrio.