Novas instalacións dos servizos xerais de Cáritas Diocesana

. O arcebispo bendiciu as dependencias situadas na rúa Carretas para prestar atención social ás persoas necesitadas
. “Espero e desexo que estas instalacións sirvan para prestar un mellor servizo ás persoas máis vulnerables? (Anuncio Mouriño)
. O arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio, presidiu a inauguración e bendiciu as novas instalacións dos Servizos Xerais de Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela, situadas na rúa Carretas,29, durante un acto que contou coa presenza do alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, a conselleira de Política Social, Fabiola García Martínez, e o presidente de Cáritas Española, Manuel Bretón Romeu, entra outras personalidades.

O arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio, que se encargou de bendicir as novas instalacións e descubrir unha placa conmemorativa co seguinte texto: “Estas instalacions foron inauguradas polo, Excmo. e Rvdmo. Sr. Arcebispo de Santiago de Compostela, D. Julián Barrio Barrio. 24 de setembro de 2021. Ano Santo Compostelán”.

Intervencións

Nas súas palabras o director de Cáritas Diocesana, José Anuncio Mouriño Rañó, agradeceu ao arcebispado a cesión das dependencias para dispoñer de “sé propia”, logo de máis de cincuenta anos de traballo coas persoas máis necesitadas. “Espero e desexo que estas instalacións sirvan para prestar un mellor servizo ás persoas máis vulnerables da nosa sociedade, aos últimos e non atendidos”, constatou finalmente logo de agradecer ás Servas de San Xosé a acollida que fixeron na súa casa a Cáritas.

Para o presidente de Cáritas Española, Manuel Bretón Romeu, o acto significa o afianzamento dunha entidade como Caritas en Santiago, para axudar ás persoas máis desfavorecidas. “Caritas non se para, segue avanzando, segue preparándose, segue loitando por estar á altura e ao servizo dos que máis o necesitan”. Insistiu en que se están superando retos novos, novas situacións e “necesitamos máis que nunca unha Cáritas loitando sempre á luz do Evanxeo que nos inspira”.

A conselleira de Política Social, Fabiola García Martínez, insistiu na colaboración que  manteñen para poder desenvolver diversos programas e iniciativas “encamiñadas a prestar servizo ás persoas que o demandan”. Destacou o traballo que leva a cabo Cáritas pensando sempre nas persoas máis desfavorecidas.

En representación do Concello de Santiago falou o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, que destacou a colaboración institucional que se leva acabo, sobre todo, dixo, no relativo ás persoas sen fogar

O traballo dos axentes

O prelado na súa intervención recordou o traballo que desenvolven os axentes da institución- voluntarios e técnicos- para atender as persoas máis necesitadas. Insistiu en que Cáritas “fixo posible arrincar da nada na que viven moitas persoas”. Falou tamén dos momentos duros e difíciles vividos nos últimos tempos, “certos acontecementos sacódennos de tal forma que fan vacilar as nosas certezas máis consistentes. É cuestión de permanecer: saber permanecer é o nome de calquera práctica de coidado dos outros.

Mencionou que “Cáritas é amor para os máis desfavorecidos”, insistindo en que a institución é a Igrexa que peregrina “sobre todo pensando nos máis desfavorecidos”.

Dependencias

As novas instalacións, que ocupan 350 metros cadrados, son modernas e funcionais e conta con despachos para o delegado episcopal, director diocesano, secretaria xeral, administrador, comunicación, secretaría técnica, animación comunitaria e voluntariado, administración, acollida, sala de xuntas e arquivos. Os departamentos de Emprego e Formación e Asesoría Xurídica, seguirán desenvolvendo o seu traballo nas actuais dependencias de Carreira do Conde.