O arcebispado cederá a Cáritas Diocesana catro locais na Coruña para usos asistenciais e sociais

Desde instalación dun economato a vivendas de acollida a persoas necesitadas ou vivenda social comunitaria

O Arcebispado de Santiago e Cáritas Diocesana asinaron hoxe un convenio mediante o cal o primeiro cederá varios locais da súa propiedade na Rúa Hércules da Coruña a Cáritas, que os dedicará a distintas finalidades de uso asistencial e social. O convenio foi subscrito polo ecónomo diocesano, Fernando Barros, e polo director de Cáritas Diocesana, José Anuncio Mouriño. Na firma estaba presente Pilar Farjas, responsable de Cáritas na Coruña.

O primeiro dos locais dedicarase á instalación dun economato xestionado por Cáritas; o segundo terá como finalidade a de converterse en vivenda de acollida a persoas maiores necesitadas; mentres que o terceiro e cuarto locais dedicaranse a vivenda social comunitaria, especialmente dedicada a persoas maiores necesitadas.

No convenio establécese que corresponderá a Cáritas conseguir os fondos necesarios para a realización das obras proxectadas, así como a xestión dos inmobles unha vez habilitados para os seus usos respectivos.