O arcebispo aos confirmandos: “Seguide escribindo esa nova linguaxe que Deus quere poñer no voso corazón

  • O arcebispo confirmou a 62 mozos/as na Catedral Compostelá.
  • Mons. Francisco invitou os confirmandos a ser verdadeiros artesáns: “poñede arte, vida, corazón no que fagades, con autenticidade, con verdade, con coherencia”.

Hoxe domingo 19 de maio, Solemnidade de Pentecoste, a Igrexa conmemora a vinda do Espírito Santo sobre os apóstolos. Cincuenta días despois da Pascua, terminando así este tempo litúrxico.

Neste contexto, a Catedral de Santiago de Compostela acolleu a celebración do Sacramento da Confirmación de 62 mozos/as das diversas parroquias da Diocese, Centros, Colexios Maiores: Parroquia de Santiago de Padrón, de Santa María Salomé de Santiago, de San Pedro de Bugallido de Ames, de San Antolín de Baíñas de Vimianzo, de San Bieito do Campo, de San Caetano, de Santa María de Figueiras, de Santa Marta na Chaupana, así como da Xunta de Confrarías de Semana Santa de Santiago, da Escola Familia Agraria EFA O Piñeiral de Arzúa, do Mosteiro das Relixiosas Bieitas de San Paio de Antealtares de Santiago, do Colexio Maior Arousa de Santiago, do Colexio Maior A Estila de Santiago, da Residencia Universitaria Cristo Rey de Santiago, e da Pastoral Universitaria.

A celebración estivo presidida polo arcebispo compostelán, monseñor Francisco Prieto Fernández, acompañado do Vigairo de Pastoral, Javier Porro; do delegado de Pastoral xuvenil, Javier García; do delegado de Pastoral Universitaria, Ricardo Sanjurjo; do delegado de Catequese, Miguel López Varela; así como de sacerdotes diocesanos, de membros do Cabido, do Deán José Fernández Lago, membros de vida consagrada e laicos.

Na homilía, o arcebispo dixo aos confirmandos que no Sacramento que ían recibir  culmina un camiño de iniciación cristiá, recibindo por parte de Deus, ese don do Espírito. Por iso, pedir que abran a súa vida: “cada sacramento celebrado é un don, un agasallo que Deus vos fai. Abrir as portas da vosa vida para acollelo e para recibilo”

Mons. Prieto destacou o camiño de santidade como un camiño de felicidade, un camiño de gozo, un camiño dunha vida entregada: “é todo o contrario á vida cómoda, egoísmo indiferente, é o camiño de saber que Deus a vós os que vos ides a confirmar e a todos nós convócanos unha vez máis e chámanos a ir proclamar como discípulos e como testemuñas”.

Neste sentido convidou aos presentes a que, como un don do espírito, “pronunciemos unha nova linguaxe (…), proclamemos a linguaxe da paz”. E engadiu: “algúns toman camiños de inxustiza, pronunciemos os camiños que conducen á xustiza e á solidariedade. Algúns pronuncian palabras que son mentiras, que polarizan e distancia, que nos enfrontan, proclamade a verdade, a de Cristo, Salvador de todos os homes (…). Ese é a linguaxe nova que tedes, os que vos ides confirmar, que todos nós temos que pronunciar nese xesto onde a vida transformada polo Espírito recibe o don da paz”.

O arcebispo tamén convidou os confirmandos a non ser só artífices, senón artesáns: “sede verdadeiros artesáns: poñede arte, vida, corazón no que fagades, con autenticidade, con verdade, con coherencia (…). Sede artesáns, alma, corazón e vida no que fagades”.

D. Francisco indicoulles que a vida non é unha fotocopia, non é unha imaxe repetida: “cada un somos unha biografía no corazón de Deus. Vós tamén, seguide escribindo, aínda que ás veces as liñas da vida saian un pouco torcidas, esa nova linguaxe que Deus quere poñer no voso corazón. Merece a pena”.

Finalmente, o arcebispo pediu aos mozos/as vivir con autenticidade “a chamada que Deus vos fai e fainos a ser testemuñas auténticas do Evanxeo (…). Non esteades ante a vida como sinxelos espectadores, sede actores (…). Tomádevos a vida en primeira persoa como un don que Deus vos fai, vida e liberdade, pero para facelo misión tarefa compromiso, unxidos polo Espírito do Señor”.