O arcebispo de Santiago na Ofrenda: "participar na Eucaristía implica cumprir o mandamento do amor"

Na mañá deste domingo celebrouse na Catedral de Lugo a tradicional Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento dentro da Solemne Misa Pontifical da Oitava de Corpus.

Presidiu a Eucaristía o arcebispo de Santiago de Compostela, monseñor Julián Barrio quen, na súa resposta á ofrenda feita polo alcalde da capital galega, Xosé Sánchez, lembrou que participar na Eucaristía implica “comprometernos a construír un mundo máis habitable, onde o que sofre, atopa consolo; onde o sedento atopa fontes de vida e de ánimo; onde o que necesita coidado, acollida e agarimo, atopa a proximidade do outro que o recoñece na súa dignidade de ser humano e fillo de Deus”. Ademais, don Julián recoñeceu que as dificultades que se presentan no mundo actual fai que experimentemos “o cansazo na vida persoal, matrimonial ou profesional, non sentíndonos preto de Deus”.

Para evitar isto, o prelado compostelán afirmou que “Xesús non se desentende da xente”, mentres que os homes “con frecuencia buscamos pretextos para dar rodeos”.

Así mesmo, Julián Barrio chamou aos fieis para “avivar a nosa fraternidade e multiplicar a nosa solidariedade.”

Neste sentido, cualificou de “contradición inaceptable comer indignamente o Corpo de cristo desde a división e a discriminación”, facendo alusión ao escrito de san Paulo. Así Barrio advertiu que “participar na Eucaristía implica cumprir o mandamento do amor que xera un estilo de vida paciente, xeneroso e comprensión”.

Así mesmo, durante a resposta á ofrenda feita polo alcalde de Santiago, o Arcebispo afirmou que o cristianismo é acontecemento de vida, polo que é necesario que os fieis “defendamos a vida desde a súa concepción ata a morte natural e coidemos da familia”.

Chamada á unidade Alcalde de Santiago

Pola súa banda, o Alcalde de Santiago lembrara na súa ofrenda que esta “simboliza a unión das sete cidades do Antigo Reino ante a adversidade, encarna un sentimento de comunidade e de devoción á Eucaristía nun momento no que esta excelsa Catedral de Santa María que hoxe nos acolle atravesaba dificultades económicas”. Ademais, o rexedor fixo un chamamento “a todas as administracións públicas para que tamén afrontemos unidas, independentemente de cores políticas, as circunstancias presentes e próximas tan adversas. O noso compromiso primeiro é coa cidadanía.”

Fonte: Diocese de Lugo