O arcebispo de Santiago preside a primeira reunión do Consello Pastoral Diocesano do curso 2022/23

  • Mons. Barrio afirmou que “na xeografía diocesana estamos dispersos, pero cristiamente estamos chamados a ser un”.
  • O bispo auxiliar presentó as directrices dol Plan pastoral Diocesano.

Hoxe sábado, 10 de setembro, mons. Julián Barrio presidiu o Pleno do Consello Pastoral Diocesano na Casa de Exercicios de Santiago de Compostela, un órgano permanente asesor do arcebispo en relación coas actividades pastorais que leven a cabo na Diocese.

Despois da oración inicial, o arcebispo de Santiago de Compostela, presidente do Consello Pastoral Diocesano, dirixiuse a todos os asistentes reflexionando sobre tres iconas sacadas do Evanxeo, como indicadores do camiño para seguir para a realización do Plan Trienal Pastoral. Neste sentido, o arcebispo afirmou que “temos que camiñar xuntos, todos implicados conforme aos dons que recibimos”.

O arcebispo tamén destacou que “na xeografía diocesana estamos dispersos, pero cristiamente estamos chamados a ser un”. E engadiu que “non se trata de ser todos iguais, senón de camiñar compartindo un camiño e abrazando a nosa diversidade, xa que cada cristián ten un papel vital que desempeñar na Igrexa”.

Mons. Barrio convidou a ser moi creativos, e a tratar de ler os signos dos tempos para discernir o camiño, asumir orientacións e tomar decisións concernentes á misión evanxelizadora, pero sen renunciar ao esencial: “Como María, temos que escoitar, discernir e actuar. Camiño, discernimiento e decisión son realidades propias dun novo estilo de vida pastoral”.

O prelado compostelán tamén fixo referencia a “non conformarse con pintar a fachada”. Afirmou: “esta é unha tentación que todos podemos ter para aparentar aquilo que realmente non somos e ocultar talvez o que está detrás desa fachada”. E engadiu que “o modo de vivir e actuar non é outro que o de servir. A misión é anunciar a Cristo e o seu Evanxeo”.

Finalmente, o arcebispo convidou a coidar a piedade popular, como encarnación da fe nunha cultura e como elemento evanxelizador, así como activar a escoita, o acompañamento, a caridade e o coidado da familia.

Posteriormente, o bispo auxiliar mons. Francisco Prieto presentou aos membros do Consello as directrices do Programa Pastoral Diocesano Trienal 2022/25 co lema “Poñédevos en camiño”, un camiño en tres etapas o primeiro ano centrado na comuñón, o segundo na celebración e o terceiro ano no testemuño.
Na súa intervención, mons. Prieto analizou a situación diocesana de partida con novas experiencias e accións pastorais nun claro contexto tras a pandemia. Tamén destacou as claves teolóxicas eclesiais e pastorais centrándose, sobre todo, no camiño sinodal: “Xesús chámanos e envíanos. Somos Pobo de Deus en camiño sinodal, unha Igrexa en camiño de conversión pastoral e misioneira”.
Desagregando o primeiro ano 2022/23 do trienio, “Cun mesmo amor e un mesmo sentir”, o bispo auxiliar destacou o aspecto comunitario da fe: “constituír e converter a nosa Igrexa diocesana de Santiago de Compostela nunha comunidade de discípulos misioneiros”. Como obxectivos específicos indicou fundamentalmente dous: “como reformularnos a distribución territorial e estrutural de toda a pastoral diocesana, e como camiñar no desenvolvemento da ministerialidad laical”.
O bispo auxiliar terminou a súa intervención afirmando que a Igrexa diocesana ha de ser unha escola de comuñón para aprender a camiñar xuntos, acollendo e valorando a diversidade como un don de Deus e así anunciar, celebrar e vivir a fe corresponsablemente.
Acto seguido, puxéronse en común tres experiencias de diferentes realidades diocesanas dentro do marco “Corresponsabilidade e Ministerialidade”. En primeiro lugar, un párroco de seis parroquias e capelán do Centro Penal de Teixeiro, Juan Redondo; nun segundo momento, unha laica e profesora de Relixión, Olga López; e en terceiro lugar, unha relixiosa, das Servas de San Xosé, Jesusa Pereira.
Na última parte da mañá houbo tempo para o traballo en grupos. E xa pola tarde, púxose en común todo o reflexionado ao longo da xornada.
Concluíu este encontro coa intervención final mons. Julián Barrio, na que agradeceu a todos os membros do Consello Pastoral Diocesano a súa asistencia e participación, e exhortounos a comprometerse na vida diocesana.
O Consello Pastoral é un instrumento ao servizo da comuñón eclesial facilitando a coordinación dos diversos sectores e das accións que están ao servizo da tarefa evanxelizadora. Este Consello ten como finalidade xeral estudar, analizar, valorar, discernir, suxerir propostas e avaliar aquilo que se refire ás actividades pastorais da Diocese, así como propiciar o encontro, o diálogo e a conxunción entre as diversas institucións e organismos implicados na acción pastoral. O próximo encontro do Consello Pastoral Diocesano terá lugar o próximo 28 de xaneiro de 2023.