O arcebispo de Santiago presidiu o funeral do primeiro aniversario polas vítimas dol pesqueiro Villa de Pitanxo

O arcebispo de Santiago presidiu na tarde de hoxe, en Marín, o funeral do primeiro aniversario polas vítimas do naufraxio do pesqueiro galego Villa de Pitanxo.
O prelado compostelán comezou a súa homilía con estas palabras: “A nosa fe lévanos a confesar: “Creo na vida eterna”. Esta vida consiste na nosa unión con Deus na compañía dos bienaventurados, xa que Deus mesmo en persoa é o premio e o termo de todas as nosas fatigas e desexos. Estaremos sempre co Señor. Na unión con el atopamos o gozo e a alegría”.
Mons. Barrio transmitiu unha mensaxe de esperanza: “A vida compréndese sempre mirando cara atrás, pero hai que vivila mirando cara adiante. Mirades ao mar e eles ségueno vendo dalgunha maneira a través dos vosos ollos. Cristo resucitou e vive para sempre. Por iso proclamamos que a vida dos que cremos nel non termina, transfórmase”.
O arcebispo pediu para as familias o consolo, a serenidade e a esperanza cristiá para superar a aflición e engadiu: “As mans de Deus son mans de perdón e de compaixón, de curación e de misericordia. A elas encomendamos tamén os nosos irmáns. Nesta Eucaristía, facemos memoria do Xesús morto e resucitado, e lembramos con afecto aos que hai un ano, perderon a súa vida no naufraxio”.
Á celebración asistiron tamén o bispo de Tui-Vigo, mons. Luís Quinteiro, así como autoridades civís, sacerdotes, membros de vida consagrada e laicos.