O arcebispo lembra nunha Carta Pastoral aos “avós que morreron na pandemia”

  • Asegura que son “moitos os netos que os levan no seu corazón facendo o camiño de Santiago por eles” e di que son “o gran crisol do amor da familia”.

“Neste ano Santo Compostelán e con tantos sentimentos nesta historia do coronavirus lembramos a tantos avós que morreron na pandemia. Son moitos os netos que os levan no seu corazón facendo o camiño de Santiago por eles”. Así comeza a Carta Pastoral que fixo pública hoxe o arcebispo, monseñor Julián Barrio, #ante o Día dos Avós, que a arquidiocese compostelá festexará o próximo día 26 de xullo, luns.

No texto, o arcebispo sinala que “non ignoramos o importantes que son os avós, “testemuñas do pasado e inspiradores de sabedoría para as novas xeracións”, na formación e na educación dentro da escola familiar onde son mestres da comprensión e do afecto, da fe e da oración, no aconsellar e no consolar”. Para monseñor Barrio é “unha imaxe entrañable atopar aos avós polas nosas rúas acompañando aos netos, xa sexa camiño a casa, á Igrexa ou ao colexio, ou sinxelamente dando un paseo. Unha imaxe chea de serenidade e tenrura, de confianza e esperanza”.

Tamén lembra o arcebispo que “os avós son o gran crisol do amor da familia. Neste escenario desempeñan un papel importante, e non deben ser considerados como un peso inútil, nin tampouco deben ser contemplados só como “obxecto de atención, proximidade e servizo”.

Para monseñor Barrio é preciso valorar a presenza dos avós “como transmisores dunha sabedoría que vai máis aló dunha simple cultura. Na historia de todos os pobos e no sentir de todas as xeracións, están aureolados polo prestixio e rodeados de veneración”.

Nesa liña, o arcebispo pide a todos que acollan aos avós, que sexan solidarios con eles e que lles ofrezan “todo o noso apoio, colaborando á súa calidade de vida”.

“Nos avós”, finaliza a carta, “percibimos a paz e a harmonía que as esnaquiza non a dor senón o desamor. Axudemos aos nosos avós non a lembrar senón a seguir vivindo mentres camiñan cara á plenitude da felicidade. Encomendámolos a San Joaquín e a Santa Ana, avós de Jesús”.