O arcebispo preside a Vixilia da Inmaculada

  • Recorda á mocidade que son “o presente” e que a Diocese “quere seguir escoitándovos”

El arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio, presidiu este luns a Vixilia da Inmaculada que, a nivel diocesano, organizou a Delegación de Infancia e Mocidade. A Eucaristía tivo lugar na Catedral compostelá e nela estivo presente tamén o bispo auxiliar, monseñor Francisco J. Prieto. Tras moitos meses sen poder desenvolver actividades para nenos, adolescentes ou mozos, a Vixilia da Inmaculada volveu ser presencial e uns catrocentos mozos déronse cita nas distintas actividades desta Xornada Diocesana da Mocidade.

A xornada iniciouse ás 11:00 da mañá, cun acto de acollida no Colexio La Salle para, a continuación, realizarse diversos obradoiros en distintos puntos da cidade. Tras o xantar, os adolescentes e mozos puideron gozar de xogos e asistir a un Concerto- Magazine. Antes de peregrinar ata a Catedral, desenvolveuse a Festa do Perdón.

Na súa homilía, monseñor Barrio díxolles aos mozos e mozas que “na selfie vemos a nosa mirada pola nosa propia mirada. Canto pode revelarnos mirar a nosa propia mirada! Esta tarde oramos con confianza, desexando atoparnos con Deus. Miramos a María Inmaculada e deixámonos mirar por ela para saír da nosa terra e xuntos camiñar ao encontro de Cristo “sol que nace do alto” ( Lc 1,78), fortalecendo a nosa esperanza”.

Nesta gran festa mariana dentro do Advento, o arcebispo indicou que, tal e como sinala o papa Francisco, María é “a ‘ influencer’ de Deus”. “Era unha moza de Nazaré, non saía nas redes sociais da época, e non era unha ‘ influencer’, pero sen querelo nin buscalo volveuse a muller que máis influíu na historia”. No seu tuiter deixounos pensamentos nobres e orientadores no noso peregrinar cara a Deus: “Fágase en min, segundo a túa Palabra”, “Facede o que El vos diga”, o canto do Magníficat en que resume a súa fe”.

O arcebispo lembrou, ademais, que no “si” de María a Deus, “descubrimos o don de Deus, non como “unha salvación colgada ‘na nube’ esperando ser descargada”, nin como unha aplicación nova ou un exercicio mental de auto-superación, “senón como unha invitación para ser parte dunha historia de amor que se entretece coas nosas historias”. Ás veces pensamos que non temos nada que achegar neste novo mundo que se está xestando. Isto hipoteca a nosa vida. Temos moito que dicir e sobre todo que facer”.

Na súa homilía, monseñor Barrio dixo á mocidade que “é fácil criticarvos cando vos vedes privados de oportunidades laborais, educativas e comunitarias onde botar pé e nun mundo que non vos está dando alicerces para soñar o futuro”. Pero, á vez, pediulles que non se deixasen “adormentar polo opio da pasividade. Preguntade e preguntarvos. A Igrexa diocesana quere seguir escoitándovos”.

“Queridos mozos e mozas, sodes o presente. Debedes pelexar polo voso espazo hoxe, porque a vida é hoxe, ninguén vos pode prometer un día do mañá, a vosa vida hoxe é hoxe”. Só o Señor nos leva ao mañá. “Ser mozo non é sinónimo de sala de espera de quen agarda a quenda da súa hora”, advertiu Francisco. A alma nova ignora a indiferenza paralizante, ese triste privilexio de non sentirnos emocionados nin conquistados por nada”, engadiu o arcebispo compostelán.