Monseñor Julián Barrio presidiu este xoves a Eucaristía na que varios seminaristas recibiron os ministerios do Lectorado e Acolitado. A cerimonia tivo lugar na capela do Seminario Maior, en San Martiño Pinario. Alí, Enrique Malvar Blanco recibiu o ministerio do Lectorado; e Enrique Alonso Alonso e Carlos Velo Lagares, o do Acolitado. “A miña felicitación cordial a vós, á vosa familia, aos vosos formadores e profesores, a quen vos acompañe no proceso da vosa vocación”, dixo o arcebispo na homilía da Eucaristía.
D. Julián subliñou tamén a idea de que “non podemos ser Cristiáns a contrato temporal” senón estar “en consonancia coa lexislación vixente” chanceou e entregarse de maneira total a Deus. E anímonos a perseverar na súa vocación sen temor ás dificultades do camiño: “Non temades porque o Señor é o noso caxato”
Na súa alocución lembrou a Enrique Malvar Blanco, que foi instituído lector que ”o lector asume o compromiso de propagar a palabra de Cristo e expresala con sinxeleza e gratuidade” ao que convidou a que no exercicio do seu ministerio e “ en todo momento” tratase de ser “Mestre na Fe” e rematou dicíndolle: “segue formándote na escoita da Palabra, cre e ora a Palabra”
A continuación dirixiuse aos que serían instituidos no Ministerio do Acolitado -Enrique Alonso Alonso e Carlos Velo Lagares- aos que exhortou: “Acólitos non esquezades que para Servir ao Altar tedes que ser homes da eucaristía non a convertades nunha mera cerimonia” e lembrou que “na nosa pobreza poderemos facer cousas grandes se o seguimos e imitamos como sentido da nosa Existencia”.
Mons. Barrio terminou as súas palabras acudindo á intercesión da Virxe Santísima e o Apóstolo Santiago aos que pediu a súa protección para todos os seminaristas.
Na cerimonia estivo tamén presente o bispo auxiliar, monseñor Francisco José Prieto. Tamén asistiron o reitor do Seminario, Carlos Varela, e distintos formadores e profesores.
Estes dous ministerios confírense na etapa de estudos teolóxicos, antes da ordenación diaconal, para que poidan exercelos por un tempo conveniente e prepararse mellor para o futuro servizo da Palabra de Deus e ao Altar.
O Ministerio do Lectorado é o ministerio do lector da Palabra de Deus na liturxia e a catequese. O Ministerio do Acolitado consiste en coidar o servizo do altar, asistir ao diácono e ao sacerdote nas funcións litúrxicas, principalmente na celebración da Misa, ademais distribuír como ministro extraordinario da Comuñón cando faltan os ministros ordinarios.
Os seminaristas estiveron arroupados en todo momento por compañeiros, familiares e amigos pois sen dúbida é un momento importante para eles e para a Diocese compostelá polo que ha de servir de ocasión para pedir polas vocacións sacerdotais e relixiosas especialmente polos seminaristas de Santiago.