O arcebispo presidirá este sábado un acto de lanzamento da Peregrinación Europea da Mocidade que chegará a Santiago en agosto de 2022

  • O acto contará coa presenza de representantes das Conferencias Episcopais de España e Portugal, de membros da organización da JMJ de Lisboa en 2023, así como do vicepresidente Alfonso Rueda e un representante do Concello de Santiago

O arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio, presidirá este sábado día 7 de agosto o acto de lanzamento, a un ano vista, da Peregrinación Europea da Mocidade (PEJ), que se desenvolverá na nosa cidade no mes de agosto de 2022. A comisión organizadora deste encontro prevé reunir este sábado a máis dun centenar de persoas, respectando a normativa de seguridade esixida polas actuais circunstancias sanitarias. Así, sinalaron desde a organización, “celebraremos un acto non masivo, pero si moi significativo”. Aínda que o acto central do encontro desenvolverase na Praza do Obradoiro, os asistentes comezarán a xornada cunha peregrinación desde o Monte do Gozo. Está prevista a asistencia de representantes das Conferencias Episcopais de España e Portugal, de membros da organización da JMJ de Lisboa en 2023, así como de representantes da Xunta de Galicia e do Concello de Santiago.

De acordo co programa da xornada, a partir das 10:00 h. do sábado daranse cita no Monte do Gozo o Consello Nacional de Mocidade, a Comisión organizadora da PEJ 22, representantes da Xornada Mundial da Mocidade Lisboa 2023, representantes das Conferencias Episcopais Portuguesa e Italiana e preto de 150 voluntarios que, tras recibir a bendición do peregrino, percorrerán simbólicamente os últimos quilómetros do Camiño Francés, uníndose a outro grupo de mocidade voluntaria que chegan peregrinando desde Roncesvalles.

Tras a súa chegada á catedral compostelá, ás 12:30 h. dará comezo o acto Institucional de lanzamento da PEJ na escalinata da Praza do Obradoiro, onde intervirán as principais autoridades eclesiásticas, autonómicas e locais. En caso de choiva, dito acto trasladarase á igrexa conventual das MM. Benedictinas (Mosteiro de San Paio de Antealtares). Concluído este, dará comezo a Celebración eucarística no interior da Catedral.

No acto intervirán monseñor Arturo Pablo Ros Mugardas, bispo auxiliar de Valencia e Presidente da Subcomisión Episcopal de Mocidade e Infancia da Conferencia Episcopal Española; un representante do Concello de Santiago de Compostela; o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda; e o arcebispo, monseñor Julián Barrio. Moderará as intervencións Raúl Tinajero Ramírez, director do Departamento de Mocidade da Conferencia Episcopal Española.

A xornada continuará pola tarde con reunións de traballo e encontros formativos do voluntariado, concerto e diversas actividades no Seminario Menor de Belvís.

Como se lembrará, en xullo do pasado ano o arcebispo de Santiago de Compostela participou nunha rolda de prensa na que se informou sobre os preparativos da Peregrinación Europea da Mocidade (PEJ). Estiveron presentes o responsable da organización da PEJ 21 a nivel nacional, o sacerdote Raúl Tinajero, secretario técnico da subcomisión de Mocidade e Infancia da Conferencia Episcopal Española, así como o delegado diocesano de Infancia e Mocidade, o sacerdote Javier García.

No curso da rolda de prensa presentouse o himno, o logo e o cartel deste encontro que, previsto para este mes de agosto, pola pandemia do Covid19 trasladouse ao mes de agosto de 2022, tras coñecerse a decisión do papa Francisco de prolongar o Ano Santo Compostelán ata finais dese ano 2022.