O arcebispo reabrirá o culto público na Corticela este domingo coa celebración dunha Eucaristía

Novas cubertas, rehabilitación do teitume interior, restauración da policromía da portada románica e do Cristo no horto, algunhas das actuacións acometidas

Tras oito meses de obras que as tiveron pechadas ao público, as portas da Parroquia da Corticela volverán abrirse este próximo domingo día 16 de maio aos fieis. Alí acudirá o arcebispo, monseñor Julián Barrio, para reabrir o culto coa celebración da Eucaristía, unha cerimonia que terá lugar ás 11:00 horas. O párroco da Corticela, Salvador Domato, explicou que “desde hai tempo convidamos o arcebispo para que presidise esta Santa Misa de reapertura”. As actuacións que se levaron a cabo no conxunto da capela ascenden a algo máis de douscentos mil euros.

Salvador Domato, responsable da parroquia da Corticela e director do Arquivo Histórico Diocesano ( AHD), comenta que as obras “contaron co financiamento do Consorcio” e “con achegas da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural” da Xunta de Galicia. Grazas a iso, cambiáronse totalmente as cubertas do templo, saneouse o teitume interior, afectada por termitas, dispúxose unha nova instalación eléctrica no recinto e colocáronse novos bancos e cadeiras na capela.

Días antes de que o templo volva abrirse ao culto, Salvador Domato explica ademais que quen se achegue a partir de agora poderán gozar da restauración da portada do século XIII que dá acceso á capela, “que permitirá contemplar a súa policromía”.

Entre as actuacións acometidas atópase igualmente a restauración do Cristo e o anxo no Horto das Oliveiras, un conxunto escultórico patrimonio cultural que conta cunha gran devoción en Santiago, sobre todo entre os estudantes.
Un espazo singular

A Corticela, que exerce como parroquia independente, é unha capela da catedral de Santiago dedicada aos peregrinos e estranxeiros. Tamén coñecida como Santa María da Corticela é, sen dúbida, a capela máis popular da catedral. A ela acoden peregrinos de todos os países, pero tamén devotos composteláns da Virxe dos Milagros, alí representada, e estudantes universitarios que, respondendo a unha antiga tradición depositan na época de exames papeis escritos cos seus desexos #ante a imaxe de Jesús no horto (s. XVI).

A capela ten unha orixe prerrománico ligado ao bispo Sisnando, en época do rei Alfonso III, no século IX. Este bispo sería de gran importancia, e as igrexas que impulsou seguen un esquema similar ao que tería a primitiva Corticela.