Día diocesano das persoas con discapacidade. Decembro 2021
“Ditoso o que escoita e cumpre”
Queridos diocesanos:
O 5 de decembro conmemoramos na Diocese o Día Internacional das Persoas con Discapacidade. A miña proximidade a todas elas.Cando aínda estamos loitando contra a pandemia, temos que ser conscientes que as cousas non van ser como antes. Neste senso non será bo pospoñer ou suprimir as nosas responsabilidades no itinerario da vida. Hai que avivar a nosa creatividade para acompañar as persoas e sobre todo as que ven afectadas por discapacidades graves. Non podemos caer no risco inhumano da cultura do descarte. Para esta cultura “partes da humanidade parecen sacrificables en beneficio dunha selección que favorece a un sector humano digno de vivir sen límites. No fondo non se considera xa as persoas como un valor primario que hai que respectar e amparar, especialmente se son pobres ou discapacitadas”[1]. Todos temos que contribuír a que estas persoas vivan o sentido non só de presenza senón tamén de pertenza e de participación nos diferentes ámbitos da existencia. Así o papa Francisco dinos: “Teñan o valor de dar voz a quen é discriminados pola súa discapacidade, porque desgraciadamente nalgunhas nacións, aínda hoxe, dubídase en recoñecelos como persoas de igual dignidade”[2].
A Virxe María, exemplo a seguir.
A Virxe María mantivo sempre unha actitude de escoita que a levou a percibir o que os demais podían necesitar e saír ao seu encontro. Ela acolle sempre baixo o seu amparo calquera que sexan as circunstancias e, como nai amorosa, ver por todos sen distinción nin condicións. Vémola que vai de présa visitar á súa curmá Sabela. Está pendente nas vodas de Caná para axudar a aqueles esposos que no banquete de voda quedaron sen viño, evitándolles a humillación de ter que mandar os invitados ás súas casas. Tendo en cuenta a petición da súa nai, Xesús realizou o milagre. Ela sae ao encontro do seu Fillo na vía dolorosa e está con El xunto á cruz. Escoitar lévanos a acoller os demais e ofrecerlles a nosa axuda, non só a dar senón sobre todo a compartir. Ás veces escoitamos a Palabra de Deus pero facilmente esquecemos que son ditosos os que a escoitan e a cumpren recoñecendo nos demais a presenza de Cristo, sobre todo nos máis débiles e descartados da nosa sociedade.
Redescubrir a Cristo no Nadal
Nadal é Xesucristo que se fixo semellante a nós excepto no pecado. É necesario volver ás raíces cando o sentimento do descoñecido está a xerar incerteza ante o futuro e afectando ás certezas que parecían consolidadas. Necesitamos acompañar e deixarnos acompañar, e conformarnos coa historia e persoa de Cristo, na procura paciente da verdade. “O misterio do home só se esclarece no misterio do Verbo encarnado… Cristo o novo Adán manifesta plenamente o home ao propio home e descóbrelle a grandeza da súa vocación” ( GS 22). Comprometámonos a edificar o presente e proxectar o futuro desde a verdade auténtica do home, desde a liberdade que respecta esa verdade e desde a xustiza para todos! “Vivir na caridade é pois un gozoso anuncio para todos, facendo crible o amor de Deus que non abandona a ninguén”. O noso mañá reflectirá a esperanza do hoxe.
Anímovos a todos a vivir esta Xornada na nosa Diocese, ofrecendo unha mensaxe de esperanza ás persoas con discapacidade.
+ Julián Barrio Barrio,
Arcebispo de Santiago de Compostela.
[1] FRANCISCO, Fratelli tutti, 18.
[2] Ibid., 98.