O bispo auxiliar visita as instalacións de Cáritas Diocesana

  • Monseñor Prieto Fernández mantivo unha reunión con directivos, técnicos e voluntarios da institución
  • “Sodes unha peza fundamental para o funcionamento de Cáritas”, dixo o bispo auxiliar

O bispo auxiliar de Santiago de Compostela, monseñor Francisco José Prieto Fernández visitou oficialmente as dependencias dos Servizos Xerais de Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela. Nas instalacións foi recibido por Jesús García Vázquez e Anuncio Mouriño Rañó, delegado episcopal e director diocesano, respectivamente, que lle acompañaron no percorrido polas instalacións e explicáronlle o traballo que leva a cabo a entidade de axuda ás persoas máis necesitadas.

O traballo diario

Para coñecer o funcionamento diario que se realiza na institución, monseñor Prieto Fernández mantivo un contacto con técnicos e voluntarios que neses momentos desenvolvían o seu traballo nas instalacións e reuniuse con integrantes da Permanente de Cáritas que o informaron do labor que leva a cabo a entidade a través de distintos programas e centros, facilitáronlle as memorias dos dous últimos anos nas que figuran as actuacións realizadas e os estados económicos, e a revista que é o órgano de difusión da entidade. A monseñor Prieto Fernández fixéronlle entrega da medalla de Cáritas conmemorativa do medio século de actividade da organización, e as dúas elaboradas con motivo do Ano Santo Xubilar 2021-2022.

Por departamentos

O prelado lembrou aos asistentes a acción de Cáritas “de servizo ás persoas máis necesitadas” e dentro deste labor o papel que xogan os voluntarios co seu traballo diario, todo iso “con profunda comuñón eclesial”.

O bispo auxiliar foi informado polos responsables dos distintos departamentos de Cáritas Diocesana: secretaria xeral, animación comunitaria, administración, emprego e formación, xurídico, atención penal, comunicación e publicacións e coñeceu o funcionamento das empresas de inserción laboral Arroupa (dedicada á reciclaxe téxtil) e AHortas(agricultura ecolóxica) e os centros Vieiro (persoas sen fogar) e Vagalume (atención a mulleres) .

O bispo auxiliar interesouse polos cursos de formación que levan a cabo na institución cos  que se persegue que as persoas, principalmente as desempregadas e en risco de exclusión, poidan volver ao mercado laboral con maiores garantías para atopar un posto de traballo. Interesouse polos alumnos que neses momentos acudía ao curso de camareiro de restaurante/bar, que se encargaron de servirlle un café como unha práctica máis do día. Visitou as instalacións da cadeira de brazos solidaria en odontoloxía. Departiu tamén cos técnicos que se encargan do traballo diario das Cáritas en Galicia, cuxa sede central se atopa nos Servizos Xerais de Cáritas Diocesana.

Monseñor dirixiuse aos traballadores e voluntarios de Cáritas indicándolles que se atopaba satisfeito “por coñecer de primeira man o traballo que realizades. Sodes unha peza fundamental para o funcionamento de Cáritas·”, sinalou finalmente.