o Cabido da Catedral de Santiago entrega ao Arcebispo un retrato e descobre un relevo co seu escudo xunto á fachada da Acibechería

Na tarde de hoxe, mércores 12 de xaneiro, o Cabido da SAMI Catedral de Santiago, en presenza do Bispo Auxiliar e membros da Curia Diocesana, entregou ao Excmo. e Rvdmo. Sr. Arcebispo un retrato realizado polo recoñecido artista D. Manuel Quintana Martelo, Presidente da Real Academia Galega de Belas Artes. Trátase dunha obra na que se combina maxistralmente o realismo minucioso dos detalles, que denotan a súa depurada técnica académica, con manchas de cor que, como firma de autor, sitúan a creación no ámbito da contemporaneidade.

Procedeuse, igualmente, a descubrir no pano máis occidental do peche da Catedral na praza de Acibechería, máis aló dos límites da fachada do transepto norte, concretamente á altura da capela da Comuñón, o recentemente labrado escudo do Arcebispo.

Remátase dese modo un espazo concibido e preparado para acoller un escudo episcopal que nunca chegou a executarse; destinado -quizais- a exhibir as armas do arcebispo Raxoi ou algún dos seus sucesores na sé compostelá. Deste xeito quedará para a Historia a memoria en pedra dun pontificado durante o cal a Catedral viviu un intenso programa de restauración/rehabilitación.

Neste caso tratouse, igualmente, de preservar os modelos propios destas representacións heráldicas con liñas e volumes que, evitando a emulación barroca, resulten mais acordes a este tempo. Obra que realizou D. Félix Gil.

Durante o acto de entrega, o Deán da Catedral, D. José Fernández Lago, dirixiu unhas palabras ao Arzobispo, destacando a súa colaboración próxima e comprometida con todo o relacionado coa Catedral. Pola súa banda, o Arcebispo, D. Julián Barrio, respondeu cunhas cariñosas palabras de agradecemento, a todo o Cabido e aos seus colaboradores próximos, destacando a importancia do traballo conxunto durante os seus 26 anos de pontificado.