O cardeal Marto ve na mocidade da #PEJ22 un signo de esperanza

O cardeal Antonio Augusto dos Santos Marto, bispo emérito de Leiria-Fátima e legado pontificio do papa Francisco para a PEJ 22, tivo esta tarde un encontro cos xornalistas no centro de prensa da Peregrinación Europea da Mocidade que se celebra en Santiago nestes días. Na súa intervención, o cardeal Marto sinalou que «me impresionou a alegría que os mozos trouxeron á cidade de Santiago».
O cardeal expresou que «estiven varias veces en Santiago, pero é a primeira vez que estou nunha peregrinación da mocidade» e «é consolador ver que hai moitos mozos que están movidos pola fe».
Ademais, o legado pontificio ha engadido que «facer esta peregrinación é un momento privilexiado de encontro, que ten unha particular relevancia polo contexto histórico e cultural no que se desenvolve. Nós vivimos nun mundo moi volátil, sempre facendo cousas unha tras outra sen momentos para reflexionar, para meditar e a peregrinación a Santiago atrae aos mozos porque é tamén un camiño de espiritualidade que proporciona unha ocasión para atoparse con eles mesmos; para facer unha peregrinación interior, non soamente exterior; e tamén para camiñar xuntos».
«O contexto histórico no que se realiza —explicou o Card. Marto— é un momento moi crítico para a humanidade. As repercusións da pandemia e a guerra ás portas de Europa coas súas consecuencias globais revelan un mundo moi ferido, isto é, un mundo de moitos feridos e moitas feridas. Diante deste mundo, os mozos son desafiados a tomar conciencia destes problemas das esperanzas e das angustias das aspiracións e dos anhelos deste momento. Así, a PEJ é tamén unha ocasión para dar un sinal claro de que os mozos queren ser construtores dun mundo máis fermoso, máis feliz, máis fraterno, que non se resigna a nada, nin á indiferenza nin á apatía; que non queren vivir anestesiados pola banalidade, pola superficialidade da vida».
Finalmente, o cardeal Antonio Augusto dos Santos Marto concluíu declarando que a Peregrinación Europea da Mocidade «é unha mensaxe que parte de aquí para Europa e para a Igrexa nun momento no que o papa Francisco pide á Igrexa, e a todos os cristiáns, a todos os católicos, unha renovación evanxélica, unha reforma do modo de estar da Igrexa no mundo como un hospital de campaña cuxa misión primeira é acoller aos feridos e tratar de axudar a tratar as feridas; como un oasis de misericordia; como unha Igrexa acolledora, aberta de todos».