Obras do Museo Terra Santa de Xerusalén na exposición "Tesouros Reais"

  • Será a primeira vez que estas pezas se expoñan en España e, ademais, Galicia será o único destino nacional no que se poderá visitar
  • Destaca o nexo de unión entre Santiago de Compostela e Xerusalén como dúas das cidades santas da cristiandade, xunto a Roma
O arcebispo de Santiago de Compostela, mons. Francisco José Prieto, o nuncio do Papa en España, mons. Bernardito Auza, o custodio de Terra Santa, Francesco Patton (máximo responsable da institución gardiá desde hai 800 anos dos Santos Lugares en Xerusalén), o bispo de Lugo, mons. Alfonso Carrasco, entre outras autoridades eclesiásticas e civís, asistiron hoxe á inauguración, por parte do presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, da exposición “Tesouros Reais. Obras mestras do Terra Sancta Museum” no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura.
A exposición é unha mostra internacional na que se expoñerá parte do tesouro artístico do Terra Sancta Museum de Xerusalén, sendo a maior parte desta colección doazóns que as casas reais católicas europeas foron facendo ao longo de 500 anos. Ademais, a exposición complétase cunha antoloxía de pezas do Museu Calouste Gulbenkian de Lisboa, que tamén colabora na iniciativa; e con obras doutras institucións galegas e portuguesas.