Os arcebispos de Compostela e Burgos recibiron este domingo na Praza do Obradoiro os participantes na Volta Ciclista a España

A edición deste ano tiña como referentes ás catedrais de Santiago e de Burgos, que celebra o seu VIII Centenario

Os arcebispos de Santiago de Compostela e de Burgos, monseñor Julián Barrio Barrio e monseñor Mario Iceta Gavicagogeascoa recibiron o pasado domingo os participantes na Volta Ciclista a España, que alcanzaba na compostelá Praza do Obradoiro a última etapa desta edición, comezada en Burgos o pasado mes de agosto e tendo ás catedrais de Burgos e Santiago como principais referentes.

Da delegación da Arquidiocese de Burgos que peregrinou á Cidade do Apóstolo neste ano Santo Compostelán formaba parte o vicepresidente da Fundación VIII Centenario da Catedral de Burgos, Antonio Miguel Méndez Pozo, quen xunto ao pastor da Igrexa burgalesa obsequiou a monseñor Barrio cunha escultura de Cristino Díez que representa ás dúas catedrais unidas por un pelotón ciclista. Ambos os prelados estiveron presentes, ademais, na entrega final de premios, que tiveron lugar perante a portada da catedral compostelá.

Este foi o punto culminante dunha intensa fin de semana por terras galegas para o arcebispo de Burgos, quen o sábado participou, ademais, na Eucaristía de ordenación episcopal e toma de posesión da diocese de Mondoñedo-Ferrol de monseñor Fernando García Cadiñanos. O domingo pola mañá, monseñor Mario Iceta celebrou tamén a Santa Misa na Catedral compostelá, e ao final da cerimonia litúrxica depositou o incenso no botafumeiro, segundo se lembraba na páxina web da Arquidiocese castelá.

Como se indica na páxina web da Catedral de Santiago “este gran incensario quere simbolizar a verdadeira actitude do crente. Así como o fume do incenso sobe cara ao máis alto das naves do templo, así tamén as oracións dos peregrinos deben alzarse cara ao corazón de Deus. E así como o aroma do incenso perfuma toda a basílica compostelá, de igual modo o cristián, coas súas virtudes e o testemuño da súa vida, debe impregnar do recendo de Cristo, a sociedade na que vive”.