Os sacerdotes Manuel Jesús Formoso e Víctor Suárez Gondar toman posesión como Moderador de Curia e como Secretario do Consello Episcopal

  • O arcebispo, monseñor Julián Barrio, presidiu o acto de xuramento e tivo un recordo para o falecido Vigairo Xeral, Víctor Maroño

A sede do Arcebispado de Santiago acolleu esta mañá a cerimonia na que tomaron posesión dos seus cargos o novo Moderador de Curia, o sacerdote Manuel Jesús Formoso, e o novo Secretario do Consello Episcopal, o sacerdote Víctor Suárez Gondar, quen tamén será o encargado de todas as cuestións relativas aos cemiterios parroquiais. O arcebispo, monseñor Julián Barrio, que presidiu o acto de xuramento, tivo palabras de recordo para o falecido Vigairo Xeral, Víctor Maroño, e de agradecemento aos novos responsables, así como ao resto de traballadores da Curia Diocesana. “Este acto”, dixo o arcebispo, “é unha mostra de continuidade”, á vez que pediu a todos renovar o compromiso “por facer mellor as cousas, escoitando a todos os que se achegan”. Tamén estivo presente o bispo auxiliar, monseñor Francisco José Prieto Fernández.

Manuel Jesús Formoso, novo Moderador de Curia por un período de cinco anos, era vicecanciller e profesor no Seminario Menor, así como secretario de monseñor Barrio. Entre as súas competencias estarán a coordinación, baixo a autoridade e segundo as indicacións do arcebispo, da actividade das distintas Vigairías Territoriais e Delegacións, así como de todas as materias vinculadas ao persoal que presta servizos na Curia Diocesana.

Víctor Suárez Gondar, que será Secretario do Consello Episcopal e encargado de cemiterios parroquiais, é xuíz eclesiástico no Tribunal Eclesiástico de Santiago, así como responsable das parroquias compostelás de Chaián e Grixoa.

Tras o acto formal de toma de posesión, o arcebispo fixo uso da palabra para lembrar, en primeiro lugar, ao recentemente falecido Vigairo Xeral, Víctor Maroño. Monseñor Barrio aludiu á súa figura e dixo que co acto de toma de posesión visualizábase “unha mostra de continuidade”. O arcebispo agradeceu a Manuel Jesús Formoso e Víctor Suárez Gondar a súa dispoñibilidade e tamén tivo expresións de agradecemento para o persoal da Curia. A todos eles, monseñor Barrio pediu seguir traballando “por facer mellor as cousas”, atendendo e “escoitando a todos os que se achegan”. Ademais, demandou discernir “os asuntos con minuciosidade” e actuar con prontitude sempre con “espírito pastoral”. O arcebispo dixo que “non somos burócratas” e que as funcións han de prestarse “pensando sempre no ben das persoas”.

Funcións do Moderador de Curia

De acordo co establecido para a figura de Moderador de Curia no Arcebispado, as súas competencias serán as seguintes.

1.- 1º Coordinar baixo a autoridade e segundo as indicacións do Arcebispo, a actividade das distintas Vigairías Territoriais e Delegacións

2° Coidar que todo o persoal da Curia cumpra debidamente o seu labor.

 

2.- Para o cumprimento destas funcións:

1° Poderá pedir a cada un dos Vigairos e Delegados diocesanos a información que crea conveniente e prover canto estime necesario en orde a unha mellor coordinación dos seus traballos.

2° Establecerá despachos periódicos cos responsables de cada un dos organismos da Curia e con todas aquelas persoas pertencentes á mesma que estime conveniente para a mellor dirección e coordinación que lle está encomendada.

3° Poderá convocar a reunións aos responsables de diversas seccións da Curia, a fin de garantir a mellor coordinación e xestión de todos os servizos que a integran.

4° Presentará ao Arcebispo, tras solicitar os pertinentes informes, as propostas de decretos, ordenacións, regulamentos e directorios que fagan máis efectiva e áxil a actuación da Curia.

5º. É así mesmo o Encargado de Persoal, en relación cos contratos laborais e de prestación de servizos.

6º. Debe ser informado polo Chanceler dos actos da Curia chamados a producir efectos xurídicos.

7º. Decidir acerca da localización, dentro do Arcebispado ou noutros inmobles da Diocese, que corresponde ás Delegacións diocesanas e demais organismos, oficios e persoas da Curia diocesana.

8º. Creación de “comisións especiais” para a análise e xestión de determinados asuntos.

9º. Resolver os conflitos de competencias entre os organismos da Curia, arbitrando os medios que estime oportunos para iso.

10º. É membro nato do Consello Presbiteral, do Consello Pastoral Diocesano e do Consello Diocesano de Asuntos Económicos.