Presentación da Memoria 2023 de Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela

  • Das atencións practicadas o 55,63% foron mulleres e o 44,37% homes
  • Na franxa de idade o maior índice rexistrouse entre as persoas de 36 a 65 anos (47,37%)

O resultado económico presentou un saldo positivo

Un total de  20.027 persoas foron as atendidas por Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela durante o ano 2023, e as beneficiarias totais 44.462. Estes datos recóllense na Memoria da entidade que foi presentada no transcurso dunha rolda de prensa  na que participaron  Santiago Fernández González e Pilar Farjas Abadía, delegado episcopal e directora diocesana, respectivamente, que  indicaron que o documento é o reflexo do acompañamento e a axuda levada a cabo coas persoas máis vulnerables.

Traballo dun ano

Na Memoria 2023 preséntanse informes, gráficos e resumos, xerais e económicos, nos que se reflicte o traballo desenvolvido ao longo dun ano por parte de numerosas  persoas que coas súas achegas intentan paliar o sufrimento e as necesidades dos  máis vulnerables cuxo número se incrementou de maneira alarmante nos últimos tempos.

Liñas estratéxicas

As liñas estratéxicas e eixos de actuación buscan mellorar os protocolos de funcionamento para que xeren unhas dinámicas de organización máis ordenadas. Un proceso transversal con catro eixos de actuación tendo como obxectivos a cobertura de necesidades básicas; a soidade; a vivenda e o emprego. As atencións que levaron a cabo foron: Necesidades Básicas (13.274 persoas); Vivenda/ Fogar (745 persoas); Emprego Digno (3.139 persoas), e Soidade non desexada (2.631 persoas). Das atencións practicadas o 55,63% foron mulleres e os 44,37% homes. Por idades o maior índice rexistrouse entre as persoas de 36 a 65 anos (47,37%). Destaca tamén que o 49,84% foron persoas migrantes non comunitarias, fronte aos 45,17% españois.

Exercicio económico

No informe económico destácase que Cáritas Diocesana de Santiago obtivo un resultado positivo  de 533.476 euros, como diferencia entre os ingresos de 8.977.567 euros e os gastos de 8.444.090 euros.

Nos Gastos, cunha desviación do 13%, as axudas concedidas, tanto monetarias como non monetarias, representaron o 43%, delas o 26 % do executado destinouse ás  axudas para necesidades básicas

Pola súa banda o persoal representou o 33%, experimentando unha subida debido ao aumento e a actualización dos soldos dos traballadores da entidade.

Os Ingresos rexistraron un aumento do 13% respecto ao ano anterior e quedaron un 22% por encima do que se orzou. O 30% deles obtívose a través de socios, achegas, colectas, doazóns, herdanzas e legados particulares. Entre eles destacan os relacionados coas herdanzas e legados. Mencionar tamén  o proceso alcista que se rexistra nas colectas.

En canto  aos ingresos procedentes  das subvencións  e convenios asinados coas administracións públicas-Xunta, Deputacións, Concellos e IRPF- representaron o 27%. Neste apartado dar conta tamén dos convenios, subvencións  e doazóns procedentes  de entidades de carácter privado.

Familias ucraínas

Ao finalizar a rolda de prensa Pilar Farjas sinalou  que se estaba traballando para darlle solución ás familias ucraínas que desde hai máis de dous anos están aloxadas no albergue do Monte do Gozo e cuxo sostemento económico corre a cargos de Cáritas Diocesana. A directora indició que se falou coas nais das 21 familias e que se traballaba para a súa integración social. Mencionou que neste proceso é necesario que se involucren  todas as administracións, facendo mención especial no Concello de Santiago debido a que, lembrou, que as nais e o seu fillos que permanecen en Santiago están totalmente integradas na vida do municipio Compostelán.