Reunión dos bispos das Provincias Eclesiásticas de Santiago e Braga en Aveiro

O arcebispo de Santiago, monseñor Francisco Prieto, participou hoxe, martes, en Aveiro nunha reunión dos bispos da Provincia Eclesiástica de Santiago e os prelados da Provincia Eclesiástica de Braga, ao que tamén asistiu o arcebispo emérito de Santiago, mons. Julián Barrio.

Trátase dunha das reunións habituais dos bispos de Galicia e da rexión norte de Portugal, na que se intercambian experiencias pastorais e se tratan diversos asuntos de interese común.

A Provincia Eclesiástica de Santiago está formada polas dioceses de Santiago de Compostela, Tui-Vigo, Mondoñedo-Ferrol, Lugo e Ourense. Pola súa banda, a Provincia Eclesiástica de Braga está integrada polas dioceses de Braga, Aveiro, Bragança-Miranda, Coimbra, Lamego, Porto, Viana do Castelo, Vila Real e Viseu.

Na Igrexa católica son designadas Provincias eclesiásticas as agrupacións de varias dioceses, coa finalidade de promover unha acción pastoral común en varias dioceses veciñas e fomentar, de maneira máis axeitada, as recíprocas relacións entre os bispos diocesanos. Para iso, conforme ao espírito do decreto conciliar Christus Dominus, nn.39-40, axudan as características sociolóxicas, históricas e xeográficas.