Reunión dos obispos de las Provincias Eclesiásticas de Santiago e Braga

Este martes, 29 de novembro, celebrouse unha reunión dos bispos das Provincias Eclesiásticas de Santiago e de Braga nas oficinas do Arcebispado de Santiago de Compostela. O Arcebispo de Santiago de Compostela, en calidade de Metropolitano da Provincia eclesiástica de Santiago, D. Julián Barrio Barrio, abriu a Asemblea ás 10,00 horas, co rezo da Hora Intermedia.
Os Bispos reflexionaron sobre o itinerario sinodal aprobado polo Papa Francisco para a XVIª Asemblea Xeral Ordinaria do Sínodo dos Bispos, que ten como lema: «Por unha Igrexa sinodal: comuñón, participación e misión» e as estratexias para facer efectiva a dinámica sinodal a nivel diocesano e parroquial. Así mesmo, intercambiaron pareceres sobre a protección, conservación, fomento e difusión do patrimonio histórico e artístico da Igrexa en Galicia e no norte de Portugal.
A Provincia Eclesiástica de Santiago está formada polas dioceses de Santiago de Compostela, Tui-Vigo, Mondoñedo-Ferrol, Lugo e Ourense. Pola súa banda, a Provincia Eclesiástica de Braga está integrada polas dioceses de Braga, Aveiro, Bragança-Miranda, Coimbra, Lamego, Porto, Viana do Castelo, Vila Real e Viseu. Participaron un total de 17 bispos xunto co Secretario da Provincia Eclesiástica de Santiago, D. José Andrés Fernández Farto.
Na Igrexa católica son designadas Provincias eclesiásticas as agrupacións de varias dioceses, coa finalidade de promover unha acción pastoral común en varias dioceses veciñas e fomentar, de maneira máis axeitada, as recíprocas relacións entre os bispos diocesanos. Para iso, conforme ao espírito do decreto conciliar Christus Dominus, nn.39-40, axudan as características sociolóxicas, históricas e xeográficas.