Rolda de prensa: Entronización da Reliquia do beato Dr. José Gregorio Hernández.

A Catedral de Santiago acollerá o mércores 19 de outubro ás 12:00 horas a entronización da reliquia do beato doutor José Gregorio Hernández, médico dos pobres, unha cerimonia que estará presidida polo arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio, acompañado polo arcebispo de Mérida (Venezuela).

O doutor José Gregorio Hernández naceu en Isnotú, Estado Trujillo (Venezuela), o 26 de outubro de 1864. A súa nenez transcorreu na súa vila natal e no medio dun clima profundamente relixioso. Todo este ambiente fíxoo un home humilde, moi solidario con todos, especialmente cos pobres e necesitados. Graduouse en Medicina en 1888 e cursou estudos en París e Berlín. O 29 de xuño de 1919 foi arroiado por un vehículo, o que unhas horas máis tarde lle causou a morte. Son moitos os que atribúen aos favores de José Gregorio o superar graves problemas de saúde. O expediente Vaticano da beatificación non avanzou ata que os expertos determinaron que José Gregorio é responsable da salvación milagrosa da nena Yaxuri Solórzano, que recibiu un disparo na cabeza cando foi asaltada xunto ao seu pai nun casarío en 2017.