Baixo o lema «Mocidades fortes e alegres na Esperanza. Testemuñas de Cristo hoxe en Europa», diferentes seccións de pastoral de mocidade das Conferencias Episcopais de Europa reuniranse en Santiago de Compostela entre o 19 e o 22 de setembro. Trátase dun importante encontro no que bispos, relixiosas e relixiosos e laicos, reuniranse para reflexionar sobre o papel da mocidade na Igrexa europea de hoxe. Manteranse unha serie de sesións de traballo que afrontarán os retos aos que se enfronta actualmente a mocidade, así como os camiños pastorais que a Igrexa católica pode ofrecerlles. A xornada inaugural contará coa presenza de Gintaras Grusas, Arcebispo de Vilna (Lituania) e presidente do Consello de Conferencias Episcopais de Europa.
Durante as xornadas do encontro tamén se abordará o papel da mocidade en relación coa celebración dos próximos xubileus, en 2025 en Roma e en 2027 en Santiago de Compostela.