“Sodes o corazón de Cáritas que ten que latexar fortemente"

  • O acompañamento das persoas atendidas
  • Os voluntarios das Cáritas de Galicia  abordaron o asistencialismo e o enfoque dos dereitos humanos
  • “Sodes o corazón de Cáritas  que ten que latexar fortemente á hora de  axudar os últimos da sociedade”(monseñor Prieto Fernández)
O bispo de Mondoñedo-Ferrol, monseñor Fernando García Cadiñanos na súa condición de responsable das Cáritas en Galicia, presidiu a xornada de reflexión, estudo e formación na que participaron máis de tres centenares de voluntarios galegos que se celebrou en Santiago, en dependencias do colexio La Salle, tendo como lema xeral “do asistencialismo ao enfoque dos dereitos humanos”. Durante a súa intervención o prelado lembrou aos voluntarios que eran “a misericordia da Igrexa e anímounos a seguir camiñando e crecendo con Cáritas como voluntarios para  axudar as persoas”.
Pola súa banda o arcebispo de Santiago, monseñor Francisco José Prieto Fernández insistiu en que  “cada un de nós  temos que sentirnos parte no camiño da vida para acompañar aos que o necesitan”. Sobre o labor que levan a cabo os voluntarios mencionou, “sodes  o corazón de Cáritas que ten que latexar fortemente á hora de axudar os últimos da sociedade”.
O encontro que cumpría a súa décimo quinta edición estivo enmarcado na realización de obradoiros de traballo para afondar no asistencialismo e o enfoque dos dereitos humanos, os retos alcanzados foron incorporados a modo de  conclusións.
Os voluntarios asistentes pertencían ás Cáritas Diocesanas de Santiago, Tui-Vigo, Ourense e  Mondoñedo-Ferrol
Obradoiros  
Nos grupos de traballo analizáronse os dereitos humanos afondando na persoa como suxeito de necesidades e de dereitos, así como  a Doutrina Social da Igrexa e do Modelo de Acción Social de Cáritas.
Falouse da diversidade de enfoques no acompañamento sinalándose  unha serie de  exemplos na acción para desenvolver:
– Que é necesario levantar a voz para facer públicas as denuncias que sofren as persoas marxinadas, Facendo especial mención aos sen teito.
– Buscar fórmulas para que cambie a mirada actual coa que se ven moitas veces as persoas máis desfavorecidas.
– Desde Cáritas débese  acompañar xuridicamente as persoas que padecen algún tipo de marxinación
– Que as persoas atendidas  teñan cuberta as súas necesidades
– Ampliar as comunidades implicadas onde se desenvolve o traballo
– Vivendas dignas
– Axilizar os trámites burocráticos
– Formación permanente
Dereitos da persoa
Nos postulados presentados quedou constancia de que  as persoas atendidas teñan cuberta as súas necesidades fundamentais e dispoñan de todos os dereitos.  Consideran que pasar do asistencialismo ao acompañamento non é simplemente un cambio de palabras, “senón un cambio de paradigma que resoa profundamente no labor e o traballo que leva  a cabo desde Cáritas”.
A xornada finalizou coa celebración Eucarística que foi presidida por monseñor  Fernando García Cadiñanos acompañado de delegados episcopais de Cáritas. Durante a súa homilía referiuse á palabra Misericordia da que dixo que nacía do corazón para axudar aos que máis o necesitan