Unha espera ilusionante

  • Os candidatos para recibir a ordenación sacerdotal este domingo, cóntannos como viven as horas previas

O arcebispo de Santiago de Compostela, monseñor Julián Barrio, presidirá este próximo domingo, día 4 de xullo, a solemne Eucaristía na que serán ordenados sacerdotes Carlos Camiño Lema, natural de Cambeda; Javier Carballo Mouzo, de Vimianzo; e Juan Sanjurjo Arias, natural de Arteixo. A cerimonia terá lugar a partir das 18:00 horas na Catedral de Santiago. Horas antes de recibir a ordenación sacerdotal, os candidatos cóntannos como viven internamente estes momentos previos.

“Grandes persoas axudáronme a aumentar a miña fe no camiño da vocación sacerdotal”

Carlos Camiño Lema, natural de Cambeda

“Estes días son dunha gran intensidade e dun gran nerviosismo pero tamén dunha gran alegría. Durante estes anos tiven a sorte de ter ao meu lado grandes persoas que me axudaron a aumentar a miña fe no camiño da vocación sacerdotal. Tamén quero darlle grazas a Deus por este don e por acompañarme sempre en todo momento. É verdade que canto máis se achega o día máis nervioso e emocionado estou pero vale a pena. A todos aqueles que sintan algunha inquietude, que se acheguen ao Señor que os levará polo camiño da felicidade nesta preciosa vocación”.

 

“Pídovos que recedes por nós”

Javier Carballo Mouzo, natural de Vimianzo

“A escasos días da Ordenación sacerdotal envólvenme sentimentos de gran alegría e entusiasmo, pero tamén algo de nervios. O sacerdocio é un don inmenso e, por iso, poderiamos dicir como o salmista que “o Señor estivo grande connosco e estamos alegres”. E tamén son momentos de nervios, de ultimar preparativos (este ano engadindo o problema do aforo nas igrexas), de ter todas as cousas preparadas.

Esta mesma alegría respírase nas nosas parroquias de orixe, que sempre nos acompañaron e arrouparon. E tamén nas nosas parroquias de pastoral onde estivemos de prácticas sendo aínda seminaristas. Pídovos que recedes por nós, para que sexamos fieis no camiño sacerdotal e para que saibamos responder axeitadamente ao que Deus vai pedindo en cada momento. Moitas grazas!”

 

“Días dunha especial acción de grazas a Deus”

Juan Sanjurjo Arias, natural de Arteixo

“Aínda que estes días a frase que máis se repite é: “estarás nervioso antes da ordenación, non?”, o certo é que foron uns días de gran paz e serenidade interior. É verdade que ao ordenarnos como presbíteros dá comezo unha nova etapa da nosa vida pero, ao mesmo tempo, é algo para o que levamos anos preparándonos. Por iso, máis que días definidos polo abafo e os nervios, son días dunha especial acción de grazas a Deus por todo o que fixo nas nosas vidas ata o de agora e o que seguirá facendo nun futuro”.