Víctor Maroño, unha vida ao servizo da Igrexa diocesana

Mons. D. Víctor Benedicto Maroño Pena naceu na parroquia de san Xoán de Calvente (Oroso, A Coruña) o 8 de xaneiro 1935.

Realizou os estudos de Filosofía e Teoloxía no Seminario Conciliar Compostelán, sendo ordenado sacerdote polo Cardeal Quiroga Palacios o 14 de marzo de 1959, na igrexa de san Martiño Pinario. Tamén é Graduado Social pola Universidade de Santiago de Compostela e licenciado en Dereito Canónico pola Universidade Pontificia de Salamanca.

Estivo destinado nas seguintes parroquias: Ecónomo de San Tomé de Piñeiro (1959), Ecónomo de San Vicente de Curtis (maio de 1960), Ecónomo do Divino Salvador de Meis (novembro de 1960) e Ecónomo de santa María de Mira (1961). Foi nomeado párroco de santa María de Restande en setembro de 1962, exercendo de tenente arcipreste de Berreo de Abaixo desde 1964. En xuño de 1970 é nomeado párroco de santa Mariña de Anxeriz e, a partir de 1975, tamén, encargado de san Xenxo de Entrecruces. Desde 1975, imparte clases de Educación Católica no Instituto de Carballo. En 1976, é elixido Arcipreste de Bergantiños, cargo que exercerá ata o seu traslado á parroquia de santa María de Ordes, en outubro de 1981.

En 1982, encárgaselle da posta en marcha do Fondo Común Diocesano de Bens, sendo o seu xestor no periodo 1983 – 1985. De 1984 ata 1996, desempeñou o cargo de Vigairo Episcopal Territorial de Santiago. En 1996, é nomeado Prol-Vigairo Xeral da Diocese Compostelá. E desde o ano 2006, exerce como Vigairo Xeral-Moderador de Curia, dirixindo a sección administrativa da Curia, cargos que compaxinou juntamente coa atención á parroquia de Ordes, da que segue sendo párroco.

En decembro do ano 2003, toma posesión como Cóengo da SAMI Catedral, sendo nomeado Cóengo Doutoral da mesma en xaneiro de 2006.

É membro do Consello de Presbiterio desde o ano 1984, membro do Consello de Consultores desde 1990 e membro do Consello de Pastoral desde a súa constitución no ano 1997.

Foi membro da Comisión Diocesana do Ano Santo Compostelán 2010.

O 15 de abril do ano 2014, foi nomeado Capelán da súa Santidade.

Desde o ano 2017, atendía a Capelanía das MM. Carmelitas de Santiago de Compostela.

Ao seu traballo débese a redacción dos Estatutos do Consello de Pastoral, e as actualizacións dos Estatutos do Cabido Catedral de Santiago e Cabido Colexial da Coruña.

Igualmente, coordinou a división da Diocese en zonas pastorais e a remodelación dos arciprestados. Preside as reunións entre os vigairos episcopais e os delegados diocesanos para a redacción dos plans pastorais diocesanos.