Xornada Interparroquial de solidariedade cos Parados. Maio de 2022

Queridos diocesanos:

No calendario dos compromisos diocesanos lembramos a Xornada Interparroquial de solidariedade cos Parados. Agradezo sensibilidade de tantas persoas preocupadas por afrontar este compromiso na nosa sociedade.

Sen dúbida a pandemia da Covid 19 contribuíu a aumentar o desemprego que está a afectar económica e socialmente a non poucas familias. Se o traballo dignifica á persoa habemos de concluír que a súa perda contribúe á deterioración da mesma na realización persoal. Dicíavos na miña última carta a este respecto que non é unha cuestión menor. Non considero fácil a solución a este problema pero certamente estariamos no camiño de atopala se fósemos capaces de poñer as persoas no corazón, buscando que non prevalezan os propios intereses que non toman en conciencia o ben común.

A liberdade humana desenvólvese e madura ao abrigo da austeridade responsable e tamén do sacrificio polos demais, tratando de construír a cultura do coidado común. As nosas sociedades necesitan dun zume que vehicule eses valores, lexitímos con raíces profundas e transcendentes, e promóvaos como incondicionais. O coidado polos demais aviva a nosa intelixencia e todas as nosas capacidades para reconstruír as nosas sociedades e novas relacións económicas que non hipotequen o desenvolvemento. “A solidariedade non é un simple sentimento de compaixón cos máis débiles ou coa persoa necesitada que está xunto a min”, é “a determinación firme e perseverante de empeñarse polo ben común; é dicir, polo ben de todos e cada un, para que todos sexamos verdadeiramente responsables de todos”, en palabras de san Xoán Paulo II[1]. “O amor á sociedade e o compromiso polo ben común son unha forma excelente de caridade”[2].

Teñamos presente que “a política máis eficaz para lograr a integración e a cohesión social é, certamente, a creación de emprego. Pero para que o traballo sirva para realizar a persoa, ademais de satisfacer as súas necesidades básicas, ha de ser un traballo digno e estable… Un emprego digno permítenos desenvolver os propios talentos, facilítanos o seu encontro con outros e achéganos autoestima e recoñecemento social”[3].

Comparto a preocupación de tantas familias cuxos membros están en paro e rezo por elas. Saúdavos e bendí no Señor,

+ Julián Barrio Barrio,
Arcebispo de Santiago de Compostela.

 

[1] XOÁN PAULO II, Sollicitudo rei socialis, 38.

[2] FRANCISCO, Laudato si’, 231.

[3] CEE, Igrexa, servidora dos pobres, Ávila 2015, 32.