Yolanda Sánchez Sánchez, nova delegada de Pastoral Penitenciaria

 

O arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio, nomeou nova responsable da Delegación de Pastoral Penitenciaria a Yolanda Sánchez Sánchez. Pola súa banda, Juan González Redondo continúa como capelán do Centro Penitenciario de Teixeiro. Yolanda Sánchez está casada e ten tres fillos. Colabora na comunidade parroquial de San Cristovo das Viñas, na Coruña. É economista e traballa nunha empresa cooperativa de consultoría informática. Desde hai anos é voluntaria na casa de acollida de internos de San Cristovo.

A delegada de Pastoral Penitenciaria, de acordo cos principios desta realidade pastoral, encárgase de coordinar o traballo das diferentes áreas, e a vinculación entre a atención pastoral dentro do centro penitenciario, e o acompañamento exterior.

Tamén dirixe o labor do voluntariado e coida a súa formación, promueve a presenza da Pastoral na comunidade diocesana e fomenta a vinculación do equipo diocesano coa Pastoral penitenciaria española. Ademais, representa á Pastoral e asume a sensibilización cara á realidade penitenciaria no noso medio social, do mesmo xeito que establece a relación con outras entidades e asociacións que actúan no noso ámbito.