Na tarde do domingo 14 de Abril, III Domingo de Pascua, os fregueses das parroquias da Unidade Pastoral de Coristanco viviron unha xornada especial na igrexa san Lourenzo de Agualada. O arcebispo de Santiago de Compostela, mons. Francisco Prieto, presidiu una Eucaristía na que non só se fixo unha homenaxe ao que fora o seu párroco durante 47 anos, D. José Cambón, senón que comeza a súa andaina a UPA que une nun mesmo proxecto pastoral ás parroquias do Concello de Coristanco.
Unha Upa e unha parroquia de parroquias, familia de familias, un horizonte pastoral onde as parroquias unen as súas forzas integrando Catequese, celebración, testemuño e compromiso social para sementar Evanxeo.
O novo equipo parroquial está integrado por D. Santiago Cotelo Suárez e por D. Manuel Mayo Romarís, quen actuará como moderador. As parroquias son: san Lourenzo de Agualada; santa Mariña de Anxeriz; santa Baia de Castro, con san Paio de Coristanco; santa María de Cereo, con san Pedro de Valenza e santo Adrán de Verdes; san Pedro de Corcoesto; san Miguel de Couso, con santa María de Ferreira; san Vicenzo de Cuns; san Mamede de Seavia, con Divino Salvador de Erbecedo; santa María de Traba, con Martiño de Oca, san Tomé de Xaviña nos Arciprestados de Bergantiños e Soneira.
O arcebispo tivo palabras de cariño e agradecemento a D. José Cambón: “Temos que ser agradecidos polo servizo que o Señor a través de don Xosé e dos sacerdotes fai presente na vida das parroquias. Este é un servizo de entrega e xenerosidade, de celebración, de anuncio da Palabra do Señor, de achegar a celebración dos sacramentos a ese Deus que nos coida, que nos cura, que nos perdoa…”.
E palabras de benvida a D. Manuel e a D. Santiago: “un novo proxecto pastoral, un novo camiño que continúa, pero que abre novos camiños, pero o fundamental no centro da vida desta nova realidade pastoral, desta unidade pastoral, é o Señor”.
Mons. Prieto destacou que a importancia de descubrir ao Señor na Eucaristía “centro da nosa vida, na Eucaristía de cada domingo que nos xunta, que nos reúne, celebrar o Domingo como comunidade”. E afirmou que “estamos chamados a ser testemuñas da fe da Resurrección, facelo con esperanza, con ilusión, con entrega, sabendo dar grazas por todo o que somos e todo o que recibimos”.
O arcebispo indicou que “somos parte dunha familia, que é cada unha das parroquias que forman esta Unidade Pastoral e que é esta Diocese. E, como parte da familia, cada un de nós ten que aportar o mellor de nós mesmos. Cando falamos de familia, falamos de entrega, falamos de ese compartir, sentirse parte dun proxecto que é a Igrexa”.
Mons. Prieto rematou pedindo polas vocacións: “Pidámoslle ao Señor que teñamos os oídos abertos e que saibamos tamén axudar a aqueles que vemos unha semente de vocación, a acompañalos”.