O Papa acepta a renuncia de Mons. Julián Barrio Barrio como arcebispo de Santiago de Compostela

O Santo Padre aceptou no día de hoxe, 1 de abril de 2023, a renuncia ao goberno pastoral da Arquidiocese de Santiago de Compostela presentada por mons. Julián Barrio Barrio.
O prelado compostelán fixo chegar a súa renuncia ao Papa Francisco o día que cumpriu 75 anos. Fíxoo en virtude do que establece o canon 401.1 do Código de Dereito Canónico: “Ao bispo diocesano que cumprise 75 anos rógaselle que presente a renuncia do seu oficio ao sumo pontífice, o cal proverá tendo en conta todas as circunstancias”.
Monseñor Barrio Barrio preside a Igrexa Compostelá desde o día 25 de febreiro de 1996, data en que tomou posesión da Sede para a que fora nomeado polo Papa Xoán Paulo II o día 5 de xaneiro do mesmo ano. Cando este evento se produciu, levaba xa dous anos como bispo auxiliar diocesano. Chegara desde a Igrexa irmá de Astorga o día 7 de febreiro de 1993 en pleno Ano Xubilar, sendo consagrado en Catedral compostelá como Bispo Titular de Sasabe e auxiliar do seu antecesor. Desde outubro de 1994 ata o seu nomeamento gobernou a Arquidiocese como Administrador Diocesano.
Na Conferencia Episcopal Española é membro de a Comisión Permanente e da Comisión Episcopal para o Clero e Seminarios.
Naceu en Manganeses de la Polvorosa, provincia de Zamora e Diocese de Astorga, o 15 de agosto de 1946. Cursou os estudos de Humanidades e de Filosofía no Seminario Diocesano de Astorga. Don Julián é licenciado en Teoloxía pola Universidade Pontificia de Salamanca (1971), doutor en Historia da Igrexa pola Universidade Pontificia Gregoriana de Roma (1976) e licenciado en Filosofía e Letras, Sección de Xeografía e Historia, pola Universidade de Oviedo (1979).