Día Internacional dos Traballadores
1 de maio de 2024
Queridos irmáns:
Con motivo da festividade de san Xosé Obreiro – “un carpinteiro que traballaba honestamente para asegurar o sustento da súa familia” (Patris corde, 6) – e da conmemoración do Día Internacional dos Traballadores, convén lembrar que “o traballo é un destes aspectos, perenne e fundamental, sempre actual e que esixe constantemente unha renovada atención e un decidido testemuño. Porque xorden sempre novos interrogantes e problemas, nacen sempre novas esperanzas, pero nacen tamén temores e ameazas relacionadas con esta dimensión fundamental da existencia humana” (Laborem exercens, 1).
Non esquezamos que non existe peor pobreza que aquela que priva do traballo e da dignidade do traballo. Por iso, debemos lembrar e reivindicar sempre a dignidade e os dereitos dos traballadores, pois “nunha sociedade realmente desenvolta o traballo é unha dimensión irrenunciable da vida social, xa que non só é un modo de gañarse o pan, senón tamén un leito para o crecemento persoal, para establecer relacións sas, para expresarse a si mesmo, para compartir dons, para sentirse corresponsable no perfeccionamento do mundo, e en definitiva para vivir como pobo (Fratelli tutti, 162).
Un traballo digno é, ante todo, un traballo no que se coida ás persoas traballadoras, favorecendo a conciliación da súa vida persoal, familiar e laboral. Debemos procurar, mediante un gran pacto social, as condicións que fagan posible que a saúde laboral sexa un dereito fundamental para todos os traballadores e sexa prioritario en calquera contorna. Un traballo que coida respecta a dignidade, asegura os dereitos e motiva a responsabilidade e a creatividade profesional.
Con San Xosé, no seu corazón de pai traballador, comprometémonos en coidar de modo integral o traballo, como deber e dereito, como don de Dios, para que sexa verdadeiramente libre, creativo e solidario.
+ Francisco José Prieto Fernández
Arcebispo de Santiago de Compostela