Mons. Julián Barrio: "As vacacións son un medio propicio para coidar máis a alma"

  • Mensaxe de mons. Julián Barrio para o período estival

 

Chegou o mes de xullo e con el para moitas persoas, -oxalá sexan moitas- as ansiadas vacacións.
O verán é tempo apropiado para buscar algún descanso, aínda que todo siga o habitual ritmo do día a día. E paradoxalmente, cando chega o verán, a vivencia da fe vén abaixo na práctica de moitos cristiáns, son moitos os que descoidan a participación eucarística, outros moitos desatenden a oración do día a día.
Referíndose ao verán e  ás vacacións o Papa Francisco afirmou: “Tómaas–de verdade!–. Cambia de ritmo, dorme algo máis, le cousas que te repousen, escoita algo de música, reza máis, escoita máis a palabra, goza en familia… E todo iso descansarate”.
Gozar do tempo estival, dun tempo de descanso,  non é descansar de Deus senón todo o contrario: aproveitar que hai máis tempo libre para dedicalo a eses “asuntos” importantes na nosa vida: Deus, familia, amigos, crecemento persoal…
As vacacións son un medio propicio para coidar máis a alma, dedicando tempo á oración, á lectura da Biblia, á participación na Misa diaria, ao rezo do rosario en familia e a outras actividades que dan vigor ao noso espírito. E son un excelente medio para convivir cos demais, sobre  todo, coa propia familia, dialogando e compartindo gozos e alegrías, preocupacións, penas e proxectos.
Moitos serán os que, aproveitando o tempo estival, visiten nosa terra e se acheguen á tumba do Apóstolo. O Camiño de Santiago non se pode interpretar, nin percorrer, sen ter en conta a dimensión espiritual. Se esta se perdese, o Camiño converteríase nunha realidade inerte. O roteiro que leva ao sepulcro do apóstolo nace co aceno de identidade cristiá, subliñando o espírito penitencial e a conversión. Os peregrinos que chegan a Santiago han de volver calzados coas sandalias da esperanza.
Oxalá que estas vacacións sexan  para todos un momento de harmonía e de descanso corporal para seguir construíndo a cidade de Deus no medio da dos homes.