Comunicado de prensa

Na mañá de hoxe, 13 de decembro, a Vigairía xeral do arcebispado de Santiago de Compostela fai públicos os novos nomeamentos realizados polo Excmo. e Rvdmo. Sr. Arcebispo metropolitano de Santiago de Compostela, D. Francisco José Prieto Fernández.

A publicación da Constitución Apostólica Praedicate evangelium (19.3.2022) do Papa Francisco, ademais de actualizar a configuración da curia romana e o seu servizo á Igrexa no mundo, puxo en evidencia algúns principios e criterios que axudan de maneira eficaz a seguir avanzando na conversión misioneira da Igrexa e a súa comprensión sinodal. Algúns deses criterios foron adoptados xa pola Conferencia Episcopal Española na súa nova estrutura organizativa e son perfectamente aplicables á configuración da curia da nosa Arquidiocese, como a prioritaria orientación evanxelizadora, a maior corresponsabilidade dos laicos, o maior protagonismo da muller en tarefas de goberno e a limitación temporal dos cargos.

Co desexo de recoller eses principios para dar á curia diocesana unha orientación máis evanxelizadora e sinodal, o Sr. Arcebispo convídanos, tal como o expresou na Carta pastoral con motivo do Advento, a unha renovación pastoral da nosa Arquidiocese. O futuro diocesano depáranos importantes retos que debemos afrontar con serenidade e confianza entre todos os que formamos esta Igrexa particular. Nesta liña enténdese a remodelación dalgunhas delegacións de pastoral, a creación de novos departamentos e os nomeamentos que agora se fan públicos.

O Sr. Arcebispo anímanos a camiñar xuntos, a que a sinodalidad non sexa unha palabra de moda, senón que vaia calando na nosa pastoral ordinaria, empezando polos nomeamentos e estruturas de traballo. Ese é o motivo polo que se está intentando que cada delegación traballe en rede con outras afíns en proxectos compartidos e que ao redor de cada delegado haxa un equipo que poida desenvolver os seus obxectivos ao servizo da nosa Igrexa diocesana. Estes equipos de traballo iranse configurando paulatinamente a partir de agora.

Nesta liña de traballo en común créase un Departamento para a Pastoral da Estrada dentro da Delegación para a Pastoral do Turismo e un Departamento para as Persoas Maiores vinculado á Delegación para a Familia e a Vida.

Tal e como destacou na Carta Pastoral de Advento, o Sr. Arcebispo entende que é prioritario o Primeiro Anuncio, polo que se crea esta delegación que ten un carácter transversal con todas as demais.

Seguindo as orientacións dos últimos documentos pontificios tamén se crea a Delegación para o Servizo do Desenvolvemento Humano Integral, que incluirá os departamentos para a Pastoral da Saúde, Ecoloxía Integral e Semanas Sociais.

Outra novidade é a reorientación que se lle dá á Delegación de Pastoral Vocacional que, seguindo os criterios da Conferencia Episcopal Española de traballo conxunto entre as comisións episcopais de Clero, Vida Consagrada, Laicos, Familia e Misións, axudará a que se entenda a vocación non só orientada ao ministerio ordenado, senón como unha resposta de todo bautizado á chamada de Deus á santidade.

Desta maneira, e á espera dalgúns nomeamentos máis no futuro, vivamos todo desde a continuidade e a renovación, conscientes de que os cambios nos esixen a todos unha conversión persoal e pastoral. Sen esta conversión, pode ser que os cambios non cambien nada.

É o mesmo Papa Francisco o que nos urxe aos cambios “xustos e necesarios”, sabendo que todos, con humildade e paciencia, temos que facelos realidade e rezar moito para que acertemos polo ben da nosa Igrexa que camiña en Santiago.

En orde ao acto de inicio do servizo pastoral dos novos delegados e directores de departamentos, terá lugar na mañá do venres 15 de decembro, ás 11.00 horas, na sede do Arcebispado de Santiago, coa presenza dos membros do Consello Episcopal: Sr. Arcebispo, Vigairo Xeral, Vigairos episcopais e Secretario Chanceler do Bispado. Tras un momento de oración e unhas palabras de saúdo do Sr. Arcebispo, D. Francisco José Prieto Fernández, os responsables das delegacións episcopais recibirán por escrito o seu nomeamento e iniciarán o seu servizo pastoral facendo pública Profesión de fe e Xuramento de Fidelidade ao Bispo e á Igrexa no cumprimento das súas responsabilidades e funcións.

A continuación, a listaxe completa dos novos delegados episcopais e responsables de departamentos.

1.-Delegación episcopal para o Clero: Rvdo. Sr. D. Víctor Manuel Blanco Naveira (delegado), Rvdo. Sr. D. Rubén Aramburu Molet (vicedelegado Vigairía da Coruña), Rvdo. Sr. D. Calixto Cobo Franco (vicedelegado Vigairía de Pontevedra)

Departamento para o Diaconado Permanente: D. Rafael Carlos Casás Salgado (director)

2.- Delegación episcopal para o Ecumenismo e o Diálogo interreligioso: Rvdo. Sr. D. José Antonio Seoane Ares (delegado).

3.- Delegación episcopal para o Primeiro Anuncio: Rvdo. Sr. D. Javier García Rodríguez (delegado).

4.- Delegación episcopal para as Peregrinacións e Camiños de Santiago: Rvdo. Sr. D. Ricardo Vázquez Freire (delegado).

5.- Delegación episcopal para Santuarios e Piedade Popular: Rvdo. Sr. D. Daniel Pérez Méndez (delegado).

6.- Delegación episcopal para as Misións: Dª Fátima Noya Varela (delegada).

7.- Delegación episcopal de Liturxia: Ilmo. Sr. D. Elisardo Temperán Villaverde (delegado), D. Rafael Carlos Casás Salgado (vicedelegado).

Departamento para a Causa dos Santos: Rvdo. Sr. D. Carlos Miramontes Seijas (director).

8.- Delegación episcopal de Cáritas Diocesana: Rvdo. Sr. D. Santiago Fernández González (delegado), Dª Pilar Farjas Abadía (directora).

9.- Delegación episcopal para o Servizo do Desenvolvemento Humano Integral: D. José Ramón Amor Pan (delegado).

10.- Delegación episcopal para a Pastoral do Turismo: Rvdo. Sr. D. Juan Ventura Martínez Reboiras (delegado).

Departamento para a Pastoral da Estrada: Rvdo. Sr. D. Rubén Diéguez Gutiérrez (director).

11.- Delegación episcopal para o Laicado: D. Alfredo Losada Suárez (delegado).

12.- Delegación episcopal para a Pastoral Vocacional: Rvdo. Sr. D. Juan José Bermúdez Abuín (delegado).

13.- Delegación episcopal para a Familia e a Vida: Dª. Ana Robles González e D. Antonio Gutiérrez González (delegados).

Departamento para as Persoas Maiores: Dª María del Rosario Coroa Manzanedo (directora).