Mons. Prieto: "Ao Apóstolo pídolle a mesma forza que el tivo para estender as redes como o Señor lles dixo"

  • O arcebispo electo de Santiago de Compostela repasa en ‘A Lanterna da Igrexa’ a súa traxectoria e reflexiona sobre este novo servizo que vai prestar á Igrexa

 

O próximo 3 de xuño, Santiago de Compostela contará con novo arcebispo. Trátase do ata o de agora bispo auxiliar, monseñor Francisco José Prieto, que substitúe a quen estivo durante 27 anos á fronte desta arquidiocese, monseñor Julián Barrio.

Nado hai 55 anos en Ourense onde tamén foi ordenado sacerdote a piques de cumprir os 25 anos. Nesta diocese desenvolveu o seu ministerio sacerdotal ata o seu nomeamento como bispo en 2021. En ‘A Lanterna da Igrexa’ repasamos con el este tempo que pasou na arquidiocese compostelá e os retos que ten por diante.

O arcebispo electo de Santiago comezou referíndose ao seu antecesor, a D. Julián: “Estes dous anos, para min, foron a oportunidade de compartir con el o que é o traballo e a dedicación que supón unha arquidiocese como Santiago. E facelo no contexto dun dobre Ano Santo, que o foi polo contexto da pandemia. Recordo que en abril de 2021 tiñamos limitacións e aos poucos fomos recuperando vida, en todos os sentidos. Tamén a oportunidade de ir achegándome ás distintas parroquias permitiume ir vendo como saïamos dunha situación complicada, con moitos interrogantes… unha situación que se afondou despois coa crise, coa invasión de Ucraína e o momento que estamos a vivir, de expectativa pero, ao mesmo tempo, sen perder a esperanza”.

Don Francisco tamén asegurou que soña a Igrexa “como Xesús o Señor a quere, como Pobo de Deus en camiño. Quere que sexamos presenza significativa e testemuñas daquel que é Evanxeo, que é Boa Noticia. Cada momento móstranos unha preocupación concreta, pero a Boa Noticia aí segue sendo a mesma que os primeiros discípulos levaron. Temos que ser unha presenza discreta, que saiba transformar, en clave de semente que sementa no corazón dos homes, en clave de fermento que fermenta desde o Evanxeo”.

Concluíu afirmando que ao Apóstolo Santiago lle pide “a mesma forza que el tivo para estender as redes como o Señor lles dixo: ‘botade de novo as redes’, confiar nel para que sexamos pescadores de homes, que non é máis que estender a rede do Evanxeo para que todo home e muller atopen aí esa salvación que esperan e esa esperanza que agardan. Polo menos, parte desa fortaleza que él tivo”.

Fuente: Cope