Nota dos Bispos de la Provincia Eclesiástica de Santiago de Compostela ante a Solemnidade de San Xosé

San Xosé, esposo da Benaventurada Virxe María, home xusto, nacido da estirpe de David, que fixo as veces de pai para co Fillo de Deus, Cristo Xesús, o cal quixo ser chamado fillo de Xosé, e estívolle suxeito como un fillo a seu pai. A Igrexa venérao con especial honra como patrón, a quen o Señor constituíu sobre a súa familia (Martiroloxio Romano).
A Igrexa recoñeceu sempre a importancia da figura de San Xosé no contexto da historia da salvación. Ningún santo no Maxisterio pontificio, despois da Benaventurada Virxe María, ocupa tanto espazo. Así, o beato Pío IX, secundando o sentir de innumerables católicos, recoñeceuno como patrón da Igrexa universal (8 de decembro de 1870). A liturxia da Igrexa celebra a san Xosé co rango de solemnidade e debido á importancia deste santo, propón a súa festa como día de precepto (cf. canon 1246). Tradicionalmente o pobo cristián  secundou esta norma dando un significativo realce familiar e social á festa do 19 de marzo. Neste ano de 2024, este día foi declarado laborable na Comunidade Autónoma de Galicia. Ante a necesidade de fixar claramente o tratamento que dita festa debe ter por parte da comunidade católica, os Bispos da Provincia Eclesiástica de Santiago de Compostela acordamos manter nas Dioceses respectivas o carácter festivo deste día.
En consecuencia, e para coñecemento dos fieis, dispoñemos:
1. Manter o 19 de marzo, solemnidade de San Xosé, festa de precepto, coa obrigación de participar na Santa Misa, aínda que sexa laboralmente hábil.
2. Aqueles fieis que teñan xornada laboral ordinaria quedan dispensados do precepto, aínda que se lles pide e recomenda vivamente a participación na Eucaristía dese día de festa dedicado a San Xosé, Esposo da Virxe.
3. Pedir, igualmente, aos párrocos e reitores de igrexas que informen os fieis con antelación destas decisións e acomoden os horarios de misas ás posibilidades e necesidades dos fieis.
4. Ao coincidir a celebración do Día do Seminario coa festividade de San Xosé, a oración e a colecta para o Seminario Diocesano serán trasladadas, por razóns pastorais, á tarde do sábado, día 16, e ao domingo, día 17 de marzo, V Domingo de Coresma.